
A Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) continúa sendo protagonista nas diferentes explotacións gandeiras da zona de Ourense, concretamente en Valdeorras e Viana do Bolo.
Para coñecer mellor esta situación, contactamos con Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG). «Esta é unha enfermidade que apareceu por primeira vez o ano pasado», agora xa está presente nas catro provincias. De feito, as 14 comarcas ourensás nas que hai a nivel sanitario gandeiro «case» están todas afectadas. Estes datos confirmábanse dende a Consellería do Medio Rural (CMR) este 4 de setembro.
Destacar que esta doenza non é perigosa para o ser humano, pero si é moi grave na cabana gandeira. Por este motivo, dende o SLG solicitan á administración pública que doten de persoal veterinario, «non hai suficiente para sacar mostras e documentar a enfermidade». A maiores, tamén «botamos de menos medidas para apoiar o sector nun momento tan duro».
Vilalba engade os gastos veterinarios desta problemática, xa que «son elevados». Sumado a isto, o traballo nas propias granxas sofre un incremento. «De media pode haber gastos de animais enfermos de 400 euros».
Dende principios de agosto comezouse a ofrecer a posibilidade dunha vacina experimental, «pero aínda se está probando». Dende a CMR aseguran nunha nota de prensa que «ao tratarse dunha enfermidade vírica non hai tratamento que cure». Ademais, engaden que a Xunta está reclamando ao Ministerio de Agricultura a activación «urxente dos 15 millóns de euros comprometidos para a loita desta doenza». Pedindo así que entre os custos subvencionables se poida incorporar a vacina.
Por outra banda atópase a petición de prórroga da vacinación da lingua azul ata que a EHE estea controlada. Agora mesmo a CMR prolongou esta situación até o próximo 8 de setembro. Con esta medida permítese ás granxas levar ao matadoiro animais sans sen a pauta de vacinación completa en lingua azul.
Dede SLG o que solicitan é unha ampliación deste permiso até que sexa confirmada unha baixada significativa de casos da EHE, «a vacinación da lingua azul pode incrementar dunha maneira exponencial os danos da propia granxa si xa temos a hemorráxica no propio rabaño», explica Isabel.
«Parécenos que podemos falar dunha afectación global da provincia de Ourense maior dos datos que están recoñecidos», asegura. De feito fala que hai granxas que aínda están pendentes dun recoñecemento. É difícil concretar unha cifra por comarca, normalmente, proporcionan uns datos semanais. «Estamos falando de máis de 1000 reses afectadas».