
A loita por unha estrada de acceso a San Vicente de Leira continúa sendo protagonista no Concello de Vilamartín de Valdeorras. Este martes, 3 de setembro, acollíase un pleno extraordinario no que o alcalde, Enrique Álvarez, anunciaba os avances que se realizaron dende a alcaldía para esta construción e as peticións á Deputación de Ourense.
A primeira proposta que se expuxo foi que databa do 30 de xullo na que se solicitaba «un treito de 200 metros», explicaba Álvarez. Este era un tramo intermedio, pero era necesario que fose terminal. Por esta razón, o 12 de agosto solicitouse a cesión do treito final de 500 metros.
«O día 23 trasladábaselle ó concello a proposta de cesión co informe favorable da directora de infraestruturas da Deputación». O alcalde afirmaba que Luís Menor, presidente de Deputación, continuaba na procura «dunha alternativa viaria segura». A semana seguinte incorporouse o informe de secretaría do Concello, despois de ver o disposto na Lei de Estradas de Galicia e na Lei de Bases de Réxime Local.
Con todo isto, despois de case dous anos buscando unha solución, «a situación seguía igual». Por este motivo, ao equipo de goberno parecíalle que «era o momento de tomar unha decisión» e a Deputación está «disposta».
Durante a conversa mantida entre Álvarez e Menor, «expliqueille a situación. Non é unha entrada definitiva é unha de urxencia». Dende o concello «non queremos por en perigo a ningún veciño», o principal obxectivo é facer unha pista, pero non se abriría de maneira inmediata.
A maiores, Enrique Álvarez recordou que xa vai máis de un ano que a deputada provincial, María del Carmen González, asumía a responsabilidade de facer un acceso. As últimas comunicacións que hai sobre este tema é que se estaba a realizar un proxecto, pero «aos técnicos e ao presidente non lles consta». Con este novo plan que se está realizando recoñeceron que «nos estamos arriscando». Con todo isto sobre a mesa, o alcalde pide a veciñanza non «meter presión e ser consecuentes».
No caso de que o acceso sexa estable efectuarase a súa apertura. Até o momento que isto non se comprobe seguiría pechado, «non queremos por en perigo a ninguén».
Esta situación non se torna inmediata, unha vez que o equipo de goberno púxoa en coñecemento da Deputación, terán que aprobar este proxecto en pleno e posteriormente trasladarllo á Xunta de Galicia. Unha vez chegue a este organismo, deberase publicar no DOG e esperar a exposición pública.
Ao ser preciso esperar a estes trámites, «facilmente sería a finais do ano ou principio do que vén» cando se puidera ver algún avance nesta estrada de urxencia para o pobo. Unha mellora necesaria tamén para os servizos de emerxencia que, se fóra preciso, necesitasen entrar ao pobo.
Dende a oposición, o voceiro do Partido Popular, José Pinto Álvarez, pedía que fosen os técnicos os que buscasen unha solución. «Son os que entenden do terreo, a xente que estamos na política solo podemos opinar», aseguraba.
Con motivo destas palabras, o alcalde explicaba que se valoraron distintas opcións e que a de recheo era unha delas. «Cando miramos outras non solo valían 13 millóns, senón que eran 21 millóns de euros», matizaba.
A pesar das explicacións de Enrique Álvarez, a oposición decidiuse abster ante esta nova proposta para un novo acceso en San Vicente de Leira.