Comadres ao poder nunha noite chea de festa en Vilamartín e Viloira
Seguimos de cheo no Entroido e, nesta ocasión, foi a quenda delas. O tradicional Xoves de Comadres converteuse, unha vez máis, nunha noite especial na que as mulleres toman o protagonismo absoluto da festa. Hai exactamente unha semana eran eles quen gozaban do seu día característico; agora, o poder festivo mudou de mans para celebrar unha das citas máis agardadas destas datas.
Vilamartín de Valdeorras
No Centro Social Santa Lucía reuníronse 63 mulleres reuníronse para compartir cea e diversión nun ambiente inmellorable. A maior parte acudiron disfrazadas e con moitas ganas de pasalo ben. Apenas remataban os pratos cando xa comezaban os primeiros bailes, risas e cantos, nunha velada que foi gañando intensidade co paso das horas. Sen dúbida, unha xornada moi especial na que non se admiten homes. Aínda así, algún atreveuse a intentalo, pero foi rapidamente “cacheado” e convidado a marchar entre risas e aplausos das asistentes.
Viloira (O Barco)
A Asociación de Mulleres celebrou por primeira vez a súa propia cea de Comadres, e o resultado non puido ser mellor. Unhas 40 socias participaron nesta iniciativa, que tivo lugar nun restaurante da localidade. A planta baixa do establecemento pechouse en exclusiva para elas, creando un espazo propio onde cantar, bailar e gozar sen reservas desta noite tan especial, a súa noite.
En ningunha das celebracións faltaron as ganas nin a ilusión por gozar e celebrar, algo que resultou doado, xa que todas se coñecen e manteñen unha excelente relación. O Xoves de Comadres consolídase así como unha das tradicións máis emblemáticas do Entroido, unha noite de unión, reivindicación festiva e, sobre todo, de ledicia compartida.