Cholo e Nela regresan con novidades ó colexio Julio Gurriarán
Tras o parón por mor da pandemia, esta convivencia volverá encher de ilusión ós máis pequenos e está de volta con máis forza que nunca
«Miles de galaxias constrúen unha canción. Lúas, soles, estrelas e constelacións», este é solo un pequeno anaco dunha das cancións de Cholo e Nela que se volverán escoitar no colexio Julio Gurriarán. Tras o parón pola pandemia agora está de volta con máis forza que nunca.
A pesar das ganas que hai dende o alumnado e os profesores, «retomala vai ser todo un reto», asegura Nacho Hermida, profesor do CEIP Julio Gurriarán. Nesta nova edición atópanse cunha «dificultade engadida. A maiores dos nenos de infantil, que son os que normalmente participan, participan os de primeiro e segundo de primaria». Con motivo de ampliar a idade dos participantes «estamos a tope». Precisamente estes alumnos foran «os que se perderan eses anos anteriores».
Como é lóxico «temos máis adultos que colaboran. Entón debemos duplicar as zonas de comedor e organizalo un pouco mellor». Están sendo unhas xornadas cargadas de traballo «para todas as persoas, conseguiremos levalo adiante», comenta Hermida. Unha das maiores ilusións de Nacho é cando os máis pequenos «me paran polo corredor e me din: "¿Nacho cando é Cholo e Nela? Xa me sei todas as cancións"», comenta. Aínda que non solo son os cativos «as familias tamén están ilusionadas».
A convivencia celebrarase este xoves 30 de maio. Como en anos anteriores, os rapaces chegarán o colexio a primeira hora da mañá, «faremos unha presentación, cataremos unha das cancións deste ano e xa se pasará a zona de actividades», detalla. Poderán desfrutar de obradoiros, inchables e exhibicións. «Estarán os vehículos da garda civil, as ambulancias», enumera Nacho Hermida.
No caso dos de infantil poderán observar esta exposición no propio Julio Gurriarán, «por razón de espazo e de organización, os de primaria estarán no pavillón de Calabagueiros», di o profesor. Unha vez rematada a xornada, que será á hora de xantar, «virán todos os nenos o colexio. Sobre as tres e media haberá un concerto do grupo de Cholo e Nela». Ás 16:30 porase o punto e final a esta convivencia.
A idea que hai dende a organización é «continuar. Xa temos ideas, pero primeiro esperemos que este ano salga moi ben». O que está claro que non «queremos deixalo como xa pasou, aínda que foron por cosas fóra do noso alcance». Nacho Hermida aproveita para animar a todas as persoas que o desexen a acudir a ver este día.