
Iniciouse o curso escolar e o sindicato CCOO fixo públicos datos da situación do ensino na comarca de Valdeorras, Viana, Trives e Caldelas que reflicten como o oriente ourensán perdeu vinte aulas de Primaria, unha terceira parte das que se veñen pechando na provincia dende o 2009. Tamén destacou a perda de profesorado, que é un 19% menos, mentres a interinidade segue aumentando e representa case o 30% neste tramo educativo. O responsable de comunicación do sindicato, Daniel Rodríguez, ofreceu estes datos este mércores no Barco de Valdeorras, para destacar que a comarca, a pesares de manter o número de alumnos, segue a perder recursos. «É unha mostra máis da escasa aposta polo medio rural», destacou Rodríguez, quen lamentou que a Consellería de Educación non faga públicos os datos correspondentes ó ensino secundario, do que so poden constatar unha rebaixa de adxudicacións de prazas do 17% a nivel provincial.
Tamén criticaron que, neste curso, o profesorado itinerante en Primaria, o que atende varios centros, aumentou nun 7%. Os profesionais compartidos soen ser os de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, o que implica que «o alumnado reciba atención especializada somentes unha ou dúas horas á semana, o cal é claramente insuficiente», ó tempo que defendeu que «a itinerancia non debe ser o habitual, senon a excepción».
A mala planificación da FP Básica
Un dos temas que máis preocupa ó sindicato é a mala planificación dos estudos de FP Básica, que neste curso perdeu na provincia un 30% de matrícula respecto ó ano pasado. O voceiro de Comisións Obreiras explicou que é a única alternativa que a LOMCE plantexa para os estudantes que non acadan o título da ESO e «nesta zona imprantáronse so catro alternativas: electricidade en Trives, mantemento de vehículos no Barco e informática en Viana e na Rúa, ó cal é unha oferta limitada, repetitiva e moi orientada a un estudantado dun mesmo perfil».
Dende o sindicato reclaman que a Consellería sexa máis flexible nos criterios e ratios que establece para dotar os centros de aulas e persoal, e recordaron como se conseguiu evitar un ano máis o peche do colexio en Casaio o cal consideran «un acerto». Un exemplo co que ilustraron a pouca flexibilidade deses criterios é o caso do IES Lauro Olmo do Barco, onde traballan tres persoas en limpeza, unha delas a media xornada. Apuntaron que esa persoa estaría a xornada completa se o centro tivese 140 metros cadrados máis. «Non se ten en conta a rotación das aulas, neste caso son ocupadas tamén en horario nocturno polo que teñen que ser limpadas varias veces ó día», criticou Rodríguez. En canto ás infraestruturas educativas, celebrou que xa exista un proxecto para construir o tan demandado patio cuberto do CEIP Julio Gurriarán do Barco, e advertiu que no sindicato estarán «atentos ó cumprimento dos compromisos por parte da Consellería» para construílo durante o verán 2018.