lunes. 15.04.2024
somoscomarca_240311_luismenor-tarxetasemprendou8m

A Deputación de Ourense promove o emprendemento feminino en zonas rurais da provincia, coa posta en marcha do proxecto "EmprendOU en feminino–8M" co que apoiará as iniciativas das mulleres de menos de 30 anos que creen unha empresa en concellos de menos de 10.000 habitantes, é dicir, en 88 dos 92 municipios ourensáns.

Na presentación desta nova iniciativa participaron o presidente provincial, Luis Menor; a deputada de Mocidade e Igualdade, Teresa Barge; e o director da área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira, que explicaron as bases reguladoras deste programa.

Na súa intervención, o presidente provincial congratulouse de "demostrar con feitos e non só con palabras que as políticas de igualdade son unha prioridade para este goberno provincial.

Para conmemorar o Día Internacional da Muller, desde a Deputación de Ourense lanzamos esta iniciativa que nos permite promocionar unha provincia emprendedora en feminino cun investimento de 150.000 euros".

Neste sentido, Luis Menor explicou que apostar polo emprendemento feminino é "apostar pola igualdade e polo futuro dos nosos territorios que precisan, indubidablemente, o compromiso da nosa mocidade para poder afrontar xuntos os desafíos do reto demográfico nas zonas máis rurais da nosa provincia".

Engadiu que "debemos traballar por un territorio no que cada vez exista unha maior porcentaxe de empresas lideradas por mulleres para camiñar xuntos na transformación da sociedade cara unha crecente igualdade emprendedora no rural".

O presidente provincial dixo que hoxe era "un día importante para Ourense porque non só estamos apoiando a igualdade real e efectiva con medidas concretas como con estas axudas económicas de 1.134 euros -que é o importe do Salario Mínimo Interprofesional-, senón que estamos contribuíndo a xerar emprego e crear riqueza nos concellos rurais da provincia".

Felicitou ademais á área de Benestar da Deputación "por materializar tecnicamente a nosa vontade política e facilitar ao máximo as usuarias a posta en marcha da súa actividade empresarial unificando os trámites nun único que poderá realizarse directamente a través da Deputación".

O obxectivo é -tal e como dixo o director da área de Benestar- lograr que ao longo do mandato 2023-2027 se xeren 500 iniciativas empresariais de mulleres nos concellos rurais da provincia.

Trámite único e compatibilidade da axuda ao 100%

Para facilitar os trámites administrativos e axilizar a posta en marcha do seu proxecto empresarial, a Deputación propón un trámite único que pode levarse a cabo desde a casa. Deste modo, a emprendedora poderá darse de alta como empresaria autónoma realizando todos os trámites a través da Deputación.

Esta xestión poderá tramitarse desde a casa por videoconferencia presentando a solicitude coa firma por voz da emprendedora. Unha vez realizada a solicitude, as mulleres beneficiarias destas axudas recibirán unha tarxeta cun saldo inmediato de 1.134 euros no prazo máximo de 8 días.

Ademais, cabe destacar que esta axuda provincial é compatible ao 100% coa axuda autonómica que apoia ás persoas desempregadas no inicio da actividade e no mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma e coa axuda de tarifa plana da Seguridade Social que contribúe a sufragar os gastos de mantemento da actividade por conta propia das persoas desempregadas que se inician como traballadoras autónomas.

Axuda da Deputación ás mulleres mozas que emprendan no rural