sábado. 20.04.2024

Xunta, Deputación de Ourense, Eixo Atlántico e os diferentes alcaldes buscan ensalzar o valor da Vía Nova

Este luns celebrouse unha reunión en Santiago de Compostela na que estiveron representados a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, o Eixo Atlántico e concellos galegos e portugueses polos que discorre a Vía Nova, co obxectivo de colaborar conxuntamente para revalorizar o legado cultural da Gallaecia Romana. 

Entre os rexedores presentes por trascorrer o itinerario polo seu concello estivo Alfredo García, alcalde do Barco. Entre os asistentes ao evento trataron de realzar algo moi valioso, que pertence ao xacemento da cultura provincial e que servirá para revalorizar a identidade que comparte Ourense co norte de Portugal.

Na reunión de traballo, celebrada na Cidade da Cultura e que tivo como anfitrión ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, acordouse buscar fórmulas de cooperación e liñas de traballo que desenvolvan esta planificación para reforzar o coñecemento e a difusión deste pasado compartido que se considera de interese polos axentes implicados.

Sobre á Vía Nova, destacouse a importancia que ten esta ruta histórica que unía en época romana as cidades de Braga e Astorga ao longo de mais de 300 quilómetros, e todos os participantes coincidiron en reforzar os lazos de cooperación no eido cultural no marco do Eixo Atlántico, coa intención de poñer en valor dito legado. Dáse continuidade así ao traballo levado a cabo nestes anos para intensificar a cohesión económica, social e cultural a ambos lados da fronteira.  

As institucións buscan por en valor a Vía Nova