jueves. 18.04.2024
somoscomarca_obarco_vendimia_viñaredo_santamarta_temporeros_2021 (20)
Ampliado o prazo de presentación de solicitudes das axudas para a incorporación de activos ao agro

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde mediante a cal se amplía o prazo ata o 22 de abril—-un mes máis do previsto inicialmente— para solicitar as axudas de apoio os investimentos nas explotacións agrícolas e para a creación de empresas de agricultores mozos ou para persoas de entre 41 e 55 anos. Deste xeito, os interesados disporán de máis tempo para tramitar estas subvencións, que teñen unha grande importancia no agro galego.

A convocatoria destas achegas publicouse o pasado día 22 de xaneiro no DOG, cunha dotación económica de 47 millóns de euros. Estas subvencións pertencen ao Plan estratéxico da política agraria común (Pepac) de España 2023-2027. O orzamento está cofinanciado nun 12 % pola Administración xeral do Estado, nun 28 % pola Xunta de Galicia e nun 60% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Mediante estas axudas búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Ademais, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e fomentar o emprego neste sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural.

Reparto de partidas

En particular, a partida asignada para sufragar investimentos en explotacións agrícolas (os coñecidos como plans de mellora) é de 28 millóns (27 para as explotacións e 1 millón, en concreto, para as de pequeno tamaño); para a incorporación de mozos ao agro destínanse 16 millóns de euros, aos que se lle suman 3 millóns dunha nova liña destinada para persoas de entre 41 e 55 anos.

Ampliado o prazo de presentación de solicitudes das axudas para a incorporación de...