
Carballeda de Valdeorras viviu este 7 de setembro unha xornada marcada polo sentimento popular coa celebración da festividade en honra a Nosa Señora do Carballal. A imaxe da Virxe, custodiada durante o ano no seu santuario situado a preto de 900 metros de altitude, foi sacada en procesión polos arredores da ermida, acompañada polas figuras de Santa Ana e San Xoaquín.

Durante o percorrido, un vento intenso puxo a proba a estabilidade das imaxes, obrigando aos portadores a facer esforzos para manter o equilibrio. Aínda así, centos de devotos acompañaron a comitiva con respecto e fervor, creando un ambiente cheo de emoción e espiritualidade.
O Santuario do Carballal, pertencente á Comunidade de Montes de Carballeda, Bascois e Santa Cruz, é un dos enclaves relixiosos máis simbólicos da zona, e cada ano convoca a fieis tanto do propio municipio como doutros lugares próximos.

Como é habitual, os veciños encargáronse de decorar o templo e a imaxe da Virxe, nun traballo colectivo que reforza o sentimento de unidade. A música da charanga TDB puxo a nota festiva á procesión, acompañando aos asistentes durante o percorrido.

A celebración continuou no centro da vila coa sesión vermú, tamén amenizada pola charanga. Pola tarde, os máis pequenos poderán gozar de xogos populares e inchables, mentres que o grupo Alma Latina será a encargada de poñer a música para o baile, tanto en horario de tarde como de noite.