
Catro días entre bosques, estrelas e pedras que contan historias milenarias. Esa é a proposta de «Entre montañas», a nova actividade que a Xunta de Galicia ofrece este verán no albergue Eco dos Teixos, en Casaio (Carballeda de Valdeorras). A iniciativa, destinada a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, combina natureza, creatividade e exploración nun enclave privilexiado da montaña valdeorresa.
O encontro, que forma parte da campaña «Modo verán activo», inclúe actividades tan diversas como un obradoiro de pirogravado en madeira, guiado por Artesanía Enxebre, ou unha sesión de pintura en pizarra natural con técnica de puntillismo, pensada como exercicio de meditación activa. Haberá tamén veladas con maquillaxe neón, un Cluedo rural pola aldea e unha noite de astronomía da man de Terras Altas de Trevinca.

Un dos puntos fortes será a ruta de sendeirismo ata as pinturas rupestres máis antigas de Galicia, que se completará con observación de detalles naturais mediante microscopios dixitais, para achegarse á montaña dende unha perspectiva diferente.
A actividade está organizada por Pedro, Elba e o equipo de Eco dos Teixos, e busca ofrecer unha experiencia enriquecedora nun entorno que mestura tradición, historia e paisaxe. As prazas son limitadas e as inscricións permanecen abertas ata o luns 26 de maio a través da web xuventude.xunta.gal.