En Marea defende no Parlamento a declaración de Parque Natural para Pena Trevinca e o Teixadal de Casaio
En Marea reclamou esta mañá no Parlamento de Galicia que comece o proceso para declarar parque natural o Teixadal de Casaio e Pena Trevinca. A deputada Ánxeles Cuña, que visitou a zona hai un mes, destacou na súa intervención os valores naturais e paisaxísticos dun espazo ameazado pola actividade mineira e incendiaria.
Para En Marea é inadmisible o catálogo de continuos incumprimentos da Xunta de Galicia con Pena Trevinca e esíxelle ao Goberno galego que asuma tamén a precisa determinación de hábitats de interese comunitario e prioritarios, así como unha relación das especies ameazadas, rematando o proceso de aprobación do Plan de Ordenación de Recursos Naturais.
Ánxeles Cuña amosou a súa preocupación porque se poida deixar desaparecer o que cualificou como “unha xoia única en Europa” perante o grave risco de incendio na que se atopa pola ausencia de medidas de prevención.
A iniciativa de En Marea foi rexeitada cos votos en contra do PPdeG. PSdeG e BNG emitiron o seu voto en positivo.
Resposta do PP
O deputado do Grupo Popular Moisés Blanco criticou hoxe a En Marea por “traer ao Parlamento unha proposta para declarar Pena Trevinca como parque natural sen estar sustentada por un gran consenso, nin ter falado coa xente que está nos concellos implicados, coas corporacións locais ou cos alcaldes e alcaldesas que teñen a capacidade suficiente, e as atribucións legais e políticas, para xestionar os recursos dos seus municipios”.
Moisés Blanco lamentou que En Marea “veña cunha proposta de gran calado ignorando todo o traballo feito desde a Xunta de Galicia ou descoñecendo con precisión cal é a protección actual desta fermosa zona”.
En concreto, o deputado popular explicou que Pena Trevinca está incluída na Rede Natura 2000, con figuras de protección como lugar de importancia comunitaria, zona de especial protección para aves e zona especial de conservación. “Ademais, conta cuns indicadores de seguimento que conlevan a necesidade de fixar adicionalmente outras medidas de conservación ou revisar e actualizar as existentes”, apuntou.
Moisés Blanco afirmou que a declaración dun espazo natural como parque natural “debe ser unha medida moi estudada e consensuada, en primeiro lugar cos habitantes dos concellos implicados, que a día de hoxe consideran a figura actual de protección, xunto coa normativa vixente, é tecnicamente suficiente para protexer os valores naturais presentes en Pena Trevinca”.
“Ademais, a declaración dun lugar como parque natural non é unha decisión que debe establecerse á lixeira como pretende En Marea, senón que debe estar xustificada no cumprimento dos requisitos
establecidos para esta categoría de espazo natural protexido e pensando no interese de todos, ao tempo que se mantén o necesario equilibrio para que sexa compatible con outros usos e actividades deportivas, culturais, turísticas ou empresariais”, sinalou.
Para rematar, o deputado popular indicou que nesta ocasión “seguen a mesma táctica que coa súa solicitude para que se retiraran as partidas destinadas á construción da A-76 recollidas nos orzamentos do Estado”. “Paréceme ben que se preocupen pola nosa comarca, pero cando presenten iniciativas polo menos vaian aos concellos e falen coa xente e coas entidades, e traten de adaptalas ás demandas reais”, dixo.