martes. 08.07.2025

A Xunta estuda as opcións para evitar o tránsito rodado na Ponte Nova en Sobradelo

A Xunta adxudica a redacción do estudo de viabilidade da mellora do tránsito peonil e de vehículos entre as marxes do río Sil en Sobradelo. Suporá un investimento autonómico que rolda os 18.000 euros
somoscomarca_sobradelo_puente_dron_2022 (10)
A Xunta estuda as opcións para evitar o tránsito rodado na Ponte Nova en Sobradelo

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a redacción do estudo de viabilidade da mellora do tránsito peonil e de vehículos entre as marxes do río Sil, en Sobradelo, no concello de Carballeda de Valdeorras.

Este contrato, cun investimento autonómico que rolda os 18.000 euros, foi adxudicado á empresa consultora Temha. O prazo de execución para a redacción do proxecto é de 5 meses.

O tránsito entre ambas as marxes do río Sil en Sobradelo realízase a través da chamada Ponte Nova, construída no século XVII e polas súas características e valor histórico trátase de evitar que serva de soporte do tránsito rodado.

Para iso, o estudo de viabilidade obxecto deste contrato centrarase no desenvolvemento de dúas estruturas distintas nesta contorna do municipio ourensán.

Dunha banda, analizarase a posibilidade de executar unha estrutura peonil tipo pasarela que, augas arriba da Ponte Nova, conecte coa senda que discorre paralela á estrada N-536 coa marxe norte do río Sil.      

Doutra banda, avaliarase  a opción de acometer unha nova ponte para tráfico rodado sobre o río Sil, augas abaixo da Ponte Nova. O estudo de viabilidade deberá determinar o punto idóneo para situar a infraestrutura, sendo unha das opcións que se poden considerar o acceso que está previsto executar ao Clúster da Pizarra de Galicia no marco da nova estrada en execución de conexión da N-536 coa N-120.

Plano da zona do estudo:

Proyecto nuevo puente sobre el Sil en Sobradelo

A Xunta estuda as opcións para evitar o tránsito rodado na Ponte Nova en Sobradelo