viernes. 29.03.2024
somoscomarca_juananta_2022-02-04
A Veiga tramitará a primeira área de rehabilitación integral do concello

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladoulle ao alcalde da Veiga, Juan Anta, o seu compromiso a colaborar na tramitación da que será a primeira área de rehabilitación integral do concello.

Vázquez Mejuto avanzoulle -nunha reunión celebrada esta semana na Consellería- que poderán contar coa colaboración técnica do Instituto Galego da Vivenda e Solo neste proxecto de interese municipal, que debe superar unha primeira eiva: a delimitación da mesma. Nese sentido, explicoulle que a figura das ARI recoñece a singularidade de barrios, ou conxunto de rúas e zonas dun concello, co fin de rehabilitalas; pero no abarca a superficie total municipal.

Así, indicoulle a necesidade de estudar e definir aquelas zonas prioritarias de actuación para concretar a extensión da futura ARI rural -unha tarefa na que tamén poderá contar coa cooperación da Xunta-, que están pensadas para os concellos de menos de 5.000 habitantes, como é o caso da Veiga.

A conselleira lembrou que -unha vez declarada a ARI- os veciños poderán beneficiarse dos incentivos que anualmente se destinan aos distintos programas de rehabilitación. Asemade, os municipios tamén poden acceder aos incentivos para recuperar espazos públicos nos que se localicen vivendas a rehabilitar, con axudas de ata 2.000 euros por cada vivenda na que se actúe. A modo de exemplo, recordou que en 2021 repartíronse 10,2 millóns de euros entre 40 ARI de 22 municipios para actuar sobre elas.

Por último, agradeceu o interese da Veiga por apostar por crear unha ARI, pois -con esta decisión- suma esforzos na aposta que Galicia fixo por este programa, como demostran as 76 ARI municipais e tres supramunicipais declaradas, nas que se mobilizaron 185 millóns de euros nos últimos 25 anos.

A Veiga tramitará a primeira área de rehabilitación integral do concello