A Veiga mira ao ceo para converter a eclipse nunha oportunidade turística de futuro

O Centro Astronómico de Trevinca-Valdín acolleu as xornadas «Galicia, porta de entrada da eclipse», unha cita de divulgación nos destinos Starlight para preparar un fenómeno que pode situar Valdeorras no mapa internacional do astroturismo

O Centro Astronómico de Trevinca-Valdín, na Veiga, acolleu as xornadas de divulgación nos destinos Starlight «Galicia, porta de entrada da eclipse», unha iniciativa coa que Turismo de Galicia quere preparar o territorio ante a eclipse total de sol do 12 de agosto de 2026 e, ao mesmo tempo, reforzar o posicionamento de Galicia como destino de astroturismo.

Presentación oficial: Cesáreo González, Emma González, Juan Anta, Cecilo Santalices  e Carmen Pita

A presentación oficial contou coa participación do alcalde da Veiga, Juan Anta; a xerente do Inorde, Emma González; o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal; o xefe provincial da área de Turismo de Ourense, Cecilio Santalices; e a directora de Promoción Turística de Galicia, Carmen Pita.

O alcalde da Veiga, Juan Anta, agradeceu á Xunta de Galicia, ao Inorde e ao Clúster de Turismo a elección do municipio para acoller estas xornadas e lembrou que A Veiga leva anos traballando para consolidarse como referente no turismo astronómico.

Carmen Pita comprobando unha das lentes para poder facer as fotos

«O primeiro paso para facer algo é crer niso», afirmou Anta, lembrando que cando se apostou polo Centro Astronómico de Trevinca moitos consideraban aquela iniciativa «unha loucura». O tempo, sinalou, acabou demostrando que aquela aposta podía abrir novas oportunidades para o municipio e para toda a comarca.

Neste sentido, o rexedor destacou que a eclipse xa está a xerar interese internacional. Segundo explicou, a hostalería da zona comeza a rexistrar reservas e solicitudes procedentes de países como Holanda, Bélxica ou Alemaña. «Ábrese unha ventá que temos que saber aproveitar», indicou.

A técnica de Turismo facendo comprobacións

Cecilio Santalices subliñou que o fenómeno astronómico será un fito puntual, pero tamén unha oportunidade para seguir dando a coñecer o turismo de interior. «Temos esa oportunidade da eclipse, pero iso vai durar uns días. O importante é seguir promocionando este territorio para que veña máis xente», sinalou.

A xerente do Inorde, Emma González, puxo o acento na importancia de entender a eclipse como unha campaña de promoción internacional e como unha oportunidade para consolidar o astroturismo como produto turístico de referencia. «As imaxes que van chegar de Galicia serán das primeiras de Europa da eclipse, e iso vainos posicionar», destacou. González incidiu tamén na necesidade de que este fenómeno non quede nunha visita dun só día, senón que sirva para que quen chegue a Ourense e a Galicia queira volver.

Óscar Blanco amosa unha das eclipses totais onde estivo, en Australia

Nesa mesma liña, o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal, defendeu a colaboración público-privada como clave para aproveitar este momento. «Recibimos turistas, pero despedimos familia», afirmou, poñendo en valor a hospitalidade galega como un dos grandes atractivos do destino.

A xornada contou tamén cunha mesa redonda sobre «Astronomía básica dunha eclipse e observación segura» e coa conferencia «Fotografía da Eclipse». Nela participaron, ademais do moderador Óscar Blanco, o alcalde, Juan Anta; o astrofísico e divulgador Borja Tosar;  a xerente do Inorde, Emma González; Cecilio Santalices; o capitán xefe do Subsector de Tráfico de Ourense, Javier Barja; Eduardo Martín Pita, xerente da casa rural Eido das Estrelas; e Marta Vila Comesaña, técnica de Turismo da Veiga.

Mesa redonda: Borja Tosar, Javier Barja, Emma González, Oscar Blanco, Eduardo Marín. Juan Anta, Cecilio Santalices

Un dos aspectos centrais da mesa foi a seguridade. Falouse da necesidade de planificar accesos, aparcadoiros, puntos de observación e medidas de tráfico para evitar problemas nunha xornada na que se agarda unha importante afluencia de visitantes.

O capitán Javier Barja advertiu da importancia de non improvisar. «A xente ten que saber onde pode ver a eclipse, onde pode aparcar e que zonas deben descartarse ou mesmo pecharse ao tráfico», sinalouse durante o coloquio. Tamén se insistiu en que o regreso, unha vez finalizado o fenómeno, será un dos momentos máis delicados pola concentración de desprazamentos.

Javier Barjas e Emma González 

A divulgación foi outro dos grandes eixes da xornada. Borja Tosar lembrou que unha eclipse total de sol é un fenómeno excepcional, difícil de comparar con calquera outro acontecemento natural. «É un fenómeno sobrecolledor, algo que queda na memoria para toda a vida», explicou, ao tempo que pediu facer un esforzo comunicativo para transmitir á cidadanía tanto a importancia do acontecemento como as normas básicas para observalo con seguridade.

Entre esas recomendacións destacouse a necesidade de utilizar sempre protección homologada para mirar ao sol, agás nos breves instantes de totalidade, e de evitar comportamentos perigosos tanto durante a observación como nos desprazamentos.

Centro Astronómico da Veiga

As xornadas tamén serviron para poñer en valor o traballo realizado nos últimos anos na Veiga arredor do ceo nocturno. O Centro Astronómico de Trevinca, a certificación Starlight, a presenza de empresas especializadas, os aloxamentos rurais vinculados á observación astronómica e a existencia de máis dun cento de telescopios instalados na contorna consolidan a zona como un destino singular.

«Podemos ter infraestruturas, un lugar idílico, certificación Starlight ou unha bandeira azul, pero o imprescindible é que cada un de vós sexa embaixador deste sitio», concluíu Juan Anta.

Oscar Blanco cun artiluxio para ver a eclipse de forma indirecta

A eclipse do 12 de agosto de 2026 será un acontecemento astronómico único, pero na Veiga queren que sexa tamén algo máis: unha porta aberta ao futuro, unha oportunidade para o turismo sostible e unha ocasión para que Valdeorras mire ao ceo e se dea a coñecer ao mundo.

Un grupo que asistiu a práctica de fotografía da eclipse

Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado

Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado