martes. 28.04.2026

Trevinca conquista aos sendeiristas coa ruta das Lagoas de Xares

A actividade “Sendeiros Naturais”, guiada por Juanjo Lorenzo, esgota as prazas e atrae participantes de toda Galicia no marco do programa “Rutas que rexeneran”
somoscomarca_terradetrevinca_aveiga_lagoas_rutasquerexeneran (6)

As Terras de Trevinca volveron amosar este pasado domingo o seu enorme potencial natural e turístico coa celebración da ruta das Lagoas de Xares, unha actividade incluída no programa “Rutas que rexeneran”, impulsado pola Deputación de Ourense a través do Inorde.

A proposta, guiada por Juanjo Lorenzo baixo o nome de “Sendeiros Naturais”, saldouse cun éxito rotundo ao completar as 15 prazas ofertadas. Unha cifra que, segundo o propio guía, confirma o interese crecente por este tipo de experiencias en contacto coa natureza.

«Decidimos facela en domingo para facilitar a participación, xa que moita xente ten compromisos os sábados, e a resposta foi moi boa», explicou Lorenzo.

somoscomarca_terradetrevinca_aveiga_lagoas_rutasquerexeneran (5)

Participación de toda Galicia

A ruta non só contou con asistentes da contorna máis próxima, como o concello da A Veiga, senón que reuniu participantes chegados de diferentes puntos de Galicia, como Verín, Maceda, Vigo, Cangas ou Santiago de Compostela.

Ademais, varios deles optaron por pernoctar na comarca, contribuíndo así á dinamización económica do territorio.

somoscomarca_terradetrevinca_aveiga_lagoas_rutasquerexeneran (4)

Un percorrido entre lagoas e paisaxes únicas

A actividade consistiu nun percorrido polo coto de caza de Xares, visitando tres das lagoas máis representativas da zona: Ocelo, Laceiras e Carrizais, nun entorno natural de gran valor dentro de Trevinca.

A xornada comezou con ceos despexados, aínda que a choiva fixo acto de presenza antes do previsto. As primeiras pingas sorprenderon ao grupo na lagoa de Ocelo, sen impedir que se fixeran paradas para gozar da paisaxe e tomar fotografías.

Posteriormente, a intensidade da chuvia obrigou a reducir as paradas en Laceiras e Carrizais, aínda que ao longo do percorrido realizáronse explicacións interpretativas sobre o entorno.

somoscomarca_terradetrevinca_aveiga_lagoas_rutasquerexeneran (3)
Juanjo, o guía, dando explicacións sobre as plantas

Un miradoiro espectacular… e un final entre bosques

O grupo fixo unha parada para xantar no miradoiro da Morteira, un enclave privilexiado con vistas espectaculares, onde o tempo deu unha tregua.

Desde alí, continuaron a ruta cara a Xares, atravesando bosques de frondosas en pleno despertar primaveral: bidueiros, salgueiros e carballos que comezan a cubrirse dese característico verde intenso.

somoscomarca_terradetrevinca_aveiga_lagoas_rutasquerexeneran (2)

Satisfacción e ganas de volver

A valoración final non puido ser máis positiva. «A xente marchou moi contenta, preguntou moito polo territorio e quedou marabillada coa natureza que temos aquí», destacou Lorenzo.

Para moitos dos participantes era a primeira vez en Trevinca, un territorio que deixou pegada e ao que, segundo aseguraron, esperan regresar.

somoscomarca_terradetrevinca_aveiga_lagoas_rutasquerexeneran (1)

Turismo sostible con identidade

A ruta forma parte do programa “Rutas que rexeneran”, unha iniciativa que busca poñer en valor o patrimonio natural, cultural e inmaterial do xeodestino Trevinca-Valdeorras a través de experiencias guiadas.

Impulsado pola Deputación de Ourense mediante o Inorde e coa colaboración da Axencia Galega de Turismo, este proxecto aposta por un modelo de turismo sostible, que conecta natureza, cultura e economía local.

Porque, como demostrou esta actividade, Trevinca non é só un destino… é unha experiencia que deixa pegada.

Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado

Trevinca conquista aos sendeiristas coa ruta das Lagoas de Xares