martes. 16.04.2024

O alcalde da Veiga, Juan Anta, reuniuse ca conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para falarlle sobre os proxectos do rural

O alcalde do Concello da Veiga, Juan Anta, reuniuse esta semana ca conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, para buscar a posibilidade de colaborar entre o organismo autonómico o municipio e a Deputación Provincial de Ourense buscando promover a rehabilitación e restauración dalgúns núcleos do rural para atraer e fixar nel máis poboación.

Durante o seu encontro falaron sobre a importancia e o potencial que teñen este tipo de intervencións como elemento de dinamización tanto desde o punto de vista económico como demográfico, motivo polo que as tres administracións están xa estudando a mellor fórmula para poñer en práctica esta estratexia.

Tamén incidiron na recuperación de zonas rurais con escasa poboación ou abandonadas é unha boa forma de promover e incrementar a oferta pública residencial dos municipios, ao tempo que subliñou que a vivenda constitúe sempre un atractivo á hora de promover o asentamento de nova poboación.

Entre as posibilidades que ofertan dende o goberno autonómico está a plataforma informática que dará a posibilidade de rexistrar as zonas rurais abandonadas. Así poderíase dar a posibilidade de que os propietarios dos inmobles destas zonas podan buscar a compradores potenciais ou posibles alugueiros. Todo isto fin de poder rehabilitalos con prezos asumibles a través dos programas do Instituto Galego de Vivenda e Solo.

A conselleira trasladoulle ao rexedor a información sobre o Fondo de cooperación de apoio a entidades locais de menos de 50.000 habitantes, un instrumento creado en 2017 para ofrecerlles préstamos sen xuros e en condicións favorables para obras de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.

Dende o consistorio da Veiga veñen rehabilitando nos últimos anos multitude de vivendas co fin de volver a recuperar poboación e, entre outras cousas, non perder certos servizos devolvéndolle a vida ao rural.

Revitalizar o rural, prioridade para o Concello da Veiga