Dous grupos distintos e dúas actividades que aínda que tiveron en común as raquetas de neve non se realizaron polos mesmos lugares.
«O sábado fixemos un recorrido máis preto das aldeas. A neve si é certo, por desgraza, que da cantidade que caeu o xoves —que era considerable— non quedou moita. O venres estivo a chover, con temperaturas relativamente altas o que fixo ca neve marchara», asegura o guía de montaña. «O sábado fíxose un percorrido máis sinxelo pola zona parte baixa, coa neve un pouco máis xusta. Pero librouse bastante ben», subliñou Lorenzo.
«Gañando un pouquiño de cota fomos aos 1300, 1400 metros. Atopamos unha neve decente para facer raquetas de neve. Pasamos aí o día, visitamos algunha lagoa glaciar», engade respecto a actividade do sábado.
Os participantes nas actividades de Terras Altas de Trevinca procedían da Coruña. Pontevedra, Compostela, Vigo e Ourense. «Era xente, moita dela sen experiencia en montaña. Simplemente tiveron curiosidade de facer sendeirismo invernal con raquetas de neve. Un pouco para desfrutar, sobre todo da neve e do territorio e coñecer un pouco Trevinca», explicou Juanjo. «A verdade é que a xente marchou moi contenta, con ganas de repetir», expresou.
«O domingo cambiamos o percorrido, xa que a neve non valía e tivemos que ir a buscala a cotas un pouquiño máis elevadas — a partir de 1600 ou 1700 metros—. Atopamos unha neve para poder facer raquetas. Esa si que xa foi unha actividade un pouco máis esixente, evidentemente un pouquiño máis longa e con maior desnivel. Pero tamén neste caso os participantes marcharon pasa os seus lugares de orixe moi contentos e con gañas de repetir», manifestou. «Incluso algún nos preguntaba cando voltamos a facer esa actividade de raquetas de neve. E estamos certos de van a repetir», aseverou
«A finalidade é quitarlle o medo á xente ese elemento estraño que pos nos pés e que te axuda a progresar por terreos nevados como son as raquetas de neve», explica.
«Hai xente que ven un pouco asustada, que pensa que é moi complicado. Veñen cun pouco de medo e de inquedanza, sobre a propia actividade. Basicamente o que facemos é presentarlle as raquetas, falarlle delas, adecuarlles as raquetas a cada un deles e despois basicamente o tema é andar», expón.
«Practicamos a progresión por terreos nevados, en distintas circunstancias. Sobre todo para que se familiaricen con eses zapatos grandes que levan nos pés. A actividade consiste en camiñar como si estivésemos nun terreo nevado pero, desfrutando dun terreo nevado e deses paisaxes invernais onde o branco da neve nos deleita da natureza».
Esta vindeira fin de semana agardan volver a repetir as actividades de raquetas de neve, tanto o sábado como o domingo. Segundo as previsión meteorolóxicas anunciase que as temperaturas permanecerán baixas co que se vai a conservar a neve, imprescindible para estas actividades. «Estas temperaturas frías que se rexistran aquí en Xares — a pasada madrugada houbo 6 graos negativos—. A idea é que na primeira quincena de febreiro se sigan a facer as actividades de raquetas de neve e ogallá que ao longo deste mes se poidan facer moitas máis actividades e convidar a xente que veña a visitarnos. Que veña a Valdeorras, a desfrutar todo o que Valdeorars ofrece e, todo o que ofrece o territorio de Trevinca. A desfrutar da neve e a coñecer estas actividades de sendeirismo invernal», conclúe Juanjo Lorenzo.