sábado. 31.05.2025

O Concello da Veiga incrementa o seu orzamento en máis de 160.000 euros

O Pleno da Corporación do día 4 de outubro aprobaba, de maneira inicial, esta modificación de crédito
Feira montañas  trevinca_nadal enxebre_aveiga (66)

O Pleno da Corporación Municipal do Concello da Veiga aprobou definitivamente, na súa sesión ordinaria do 4 de outubro de 2024, o expediente de modificación de créditos. Esta modificación, que se aprobou inicialmente o 4 de outubro, realiza un suplemento de crédito financiado con cargo ao remanente líquido de Tesourería, co obxectivo de reforzar e mellorar a xestión do orzamento municipal.

Detalles do orzamento de 2024

No estado de gastos, o orzamento inclúe importantes partidas que reflicten o compromiso do Concello coa mellora dos servizos e infraestruturas locais. Dentro das operacións correntes, os gastos de persoal alcanzan os 1.004.750,75 euros, mentres que os gastos en bens correntes e servizos ascenden a 595.559,53 euros. Ademais, o orzamento tamén contempla transferencias correntes por 12.906,00 euros e un fondo de continxencias de 3.000,00 euros.

Por outra banda, no apartado de operacións de capital, o Concello destinará 259.755,83 euros a investimentos reais, que serán empregados en diversas infraestruturas e proxectos para mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Ingresos previstos para 2024

No apartado de ingresos, as operacións correntes inclúen impostos directos por 558.363,15 euros e impostos indirectos por 6.529,40 euros. Ademais, tamén se recollerán taxas e outros ingresos por un importe de 109.300,41 euros, e transferencias correntes que ascenden a 999.644,59 euros. En canto aos ingresos patrimoniais, o Concello espera unha recadación de 39.138,45 euros.

A modificación tamén contempla un apartado de activos financeiros por valor de 162.972,11 euros, que permitirá máis financiamento de proxectos estratéxicos para o municipio.

O Concello da Veiga incrementa o seu orzamento en máis de 160.000 euros