
A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse co alcalde Juan Anta Rodríguez para analizar as posibles vías de financiamento desta actuación
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estudará a posibilidade de colaborar co concello de A Veiga na obra de rehabilitación dun edificio de propiedade municipal a través do chamado Fondo de Cooperación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).
A conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde da Veiga, Juan Anta Rodríguez, mantiveron hoxe unha reunión para analizar diversos asuntos de interese municipal relativos a áreas da súa competencia. Concretamente, o rexedor ourensán trasladoulle os plans do Goberno local para recuperar e poñer en servizo un edificio municipal actualmente desocupado co fin de destinalo a usos comunitarios por parte da veciñanza.
Ao respecto, Ángeles Vázquez explicoulle que entre as distintas liñas de axudas existentes para os concellos en materia de rehabilitación figuran os préstamos sen xuros que o IGVS pon á súa disposición a través do Fondo de Cooperación co fin de brindarlles o acceso ao crédito necesario para realizar determinadas actuacións de rehabilitación e recuperación en inmobles de propiedade municipal.
Esta liña de actuación, reservada para concellos de menos de 50.000 habitantes, ten como finalidade apoiar ás entidades locais no financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do seu patrimonio construído.