jueves. 28.03.2024

“A idea é poñer en valor eses terreos de parcelas que hoxe están infrautilizadas para intentar obter rendemento”. Así explica Juan Anta, alcalde de A Veiga, a razón da reunión mantida con Medio Rural, xunto con outros concellos da provincia de Ourense, da que resultou un total de 107 parcelas susceptibles de pasar a titularidade municipal, procedentes do Banco de Terras. Será a partires do próximo luns cando o alcalde da Veiga proceda a firma oficial na delegación provincial para formalizar o traspaso e así “intentar aproveitalas na liña do que vimos facendo, apicultura, castiñeiros, etc., sempre tendo en conta as necesidades dos veciños”, explica.

O traspaso das terras aos concellos é posíbel gracias á Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia (METAGA), que permite máis axilidade pola merma da carga burocrática nos trámites a realizar, en comparación coa tradicional cesión que se viña facendo ata agora. Para Anta, “á Xunta resúltalle complicado xestionar de maneira uniforme a totalidade dos terreos de Galicia”, razón pola que “a Administración local debe xogar un papel fundamental na xestión do territorio porque é quen mellor coñece as necesidades da xente”.

Trátase da primeira ocación na que se formaliza un traspaso de terreos deste tipo. Antes, no ano que acaba de rematar, un total de 1.234 parcelas cambiaron de titularidade para pasar a mans de 37 concellos galegos. A Consellería do Medio Rural plantéxase o obxectivo de chegar a revisar uns 2.500 terreos que forman parte do catálogo de terras por non ser utilizados por agricultores ou gandeiros.

Ademáis de A Veiga, Medio Rural formalizará traspasos de terreos nos municipios ourensanos de Xunqueira de Ambia, Xunqueira de Espadañedo, Castrelo do Val, Cualedro, Monterrei, Oímbra, Verín, Bande, Muíños, O Carballiño, Esgos e San Cibrao das Viñas.

A Veiga porá en valor parcelas do Banco de Terras de Medio Rural