
A Xunta de Galicia e o Concello da Rúa acordaron investir máis de 542.000 euros no acondicionamento do Barrio da Estación, preto do centro do municipio. Así o recolle o convenio asinado hoxe pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde da localidade, Álvaro José Fernández.
Esta actuación acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Deste xeito, tal e como explicou Ángeles Vázquez, a Xunta financiará o 70% da obra e o concello asumirá o 30% restante.
Neste caso concreto, as obras están enfocadas a renovar as redes de saneamento, ao soterramento do alumeado público, á instalación de redes de pluviais e de gas natural e á creación de beirarrúas para favorecer o tránsito peonil nas zonas máis céntricas do concello. Concretamente, nas rúas Doutor Vila, Silveira, Benito Fernández e Miguel de Cervantes. En total, unha actuación que abranguerá 3147 metros cadrados.
Durante a sinatura deste convenio, a conselleira felicitou ao alcalde da Rúa pola súa implicación co benestar da veciñanza e lembrou que, desde a posta en marcha do plan Hurbe, mobilizáronse ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 410 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos, co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas.
Ademais, a Xunta destinará 8,6 millóns de euros este ano a seguir apoiando aos concellos neste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022.