
O Concello da Rúa presentou hoxe venres 12 de xullo a súa nova imaxe corporativa. Coa presenza do tenente de alcaldesa, Luis Gudiña, María González Albert —rexedora do municipio— e Verónica Vieira —deseñadora encargada da nova marca— presentaron o deseño final.
«Dende o punto de vista do BNG, crear unha imaxe de marca da Rúa era unha prioridade para este mandato. Entendemos que o noso municipio tiña que achegarse ao século XXI e hai que comezar pola base», explicaba a alcaldesa. «Era unha necesidade para este concello, e non tivemos dúbida coa elección de Verónica».

Pola súa banda, a deseñadora ruesa, Verónica Vieira, confesaba hoxe que un dos seus soños cando comezou a estudar deseño gráfico «era precisamente crear a marca do meu pobo, no que estou arraigada». En canto ás cuestións técnicas afondaba Vieira en que «unha imaxe corporativa non é soamente o logotipo, senón que ten que ter historia, base, coherencia e consolidación, sendo lexible en todos os soportes».

A nova marca corporativa está conformada polo nome do municipio con distintas variacións na cor «convertíndoa en atemporal e versátil». Con guiños ao val e ás montañas, apórtanse ao novo logo cores que «aportan frescura e vitalidade con cambio de tonos con cores pasteis. É unha imaxe sólida que pode sufrir variacións dun xeito moi doado».
María González Albert informou ademais de que esta nova marca «vai ser empregada en todas as comunicacións, merchandising, redes sociais e todas as aplicacións que vaian xurdindo».