A Rúa celebra o seu primeiro desfile intercentros de Entroido organizado polas ANPAs e colexios da vila

Unha xornada de convivencia entre o CEIP Manuel Respino, o IES Cosme López e a comunidade educativa para poñer en valor o traballo do alumnado e reforzar a unión entre centros

A Rúa viviu este venres unha mañá na que o rentroido apoderouse das rúa coa celebración do primeiro desfile intercentros educativos organizado polas ANPAs do CEIP Manuel Respino en colaboración cos propios centros. Unha iniciativa que nace coa intención de fomentar a convivencia entre o alumnado e dignificar o traballo creativo que se realiza arredor do Entroido nas aulas.

O alumnado na estación de autobuses, desde onde partiu o desfile

O desfile partiu desde a estación de autobuses da Rúa e percorreu a rotonda da gasolineira, a rúa Progreso e a rúa Doutor Vila para rematar na Praza da Estación, case no mesmo punto de saída. Durante o percorrido, veciñanza e familias acompañaron co seu aplauso as comparsas elaboradas polos propios estudantes.

Camiñando pola Rúa Progreso

O presidente da ANPA do CEIP Manuel Respino, Cristian López, explicou que a actividade estaba inicialmente prevista para o venres 13, pero tivo que ser adiada por mor do mal tempo: «Hoxe fixemos un desfile de Entroido que a data orixinal era o venres 13, pero por mor do mal tempo tivemos que adialo ata este venres día 20».

Un grupo baixando pola Rúa Doutor Vila

A intención era que participasen todos os centros educativos da vila, incluído o colexio Pablo VI, que finalmente non puido asistir debido a cuestións organizativas derivadas do cambio de data. «Foi un desfile de comparsas feitas polos centros educativos da Rúa, na que lamentablemente non puido participar o Colexio San Pablo VI por cuestións de orde interna, porque ao cambiar a data non coincidía moi ben por temas de exames, excursións e demais», sinalou López.

A pesar destas circunstancias, o CEIP Manuel Respino participou co seu alumnado ao completo e o IES Cosme López sumouse coa parte do estudantado que tiña dispoñibilidade. «Fixémolo entre o Colexio Manuel Respino, que acudiu con todo o alumnado, e parte do Instituto Cosme López. Polas mesmas circunstancias, por culpa de exames e demais, non puideron participar todos os que quixeran, pero participaron os que si podían», explicou.

Os bombos deixándose ouvir pola rúa que baixa cara a estación

O desfile foi organizado conxuntamente polas dúas ANPAs, coa colaboración dos tres centros escolares, e naceu como unha aposta pola convivencia. «Organizamos este desfile intercentros como un día de convivencia entre alumnos de diferentes centros, que normalmente non fan actividades xuntos, para demostrar que non hai ningún tipo de rivalidade nin nada parecido; ao contrario, un día de comunión, un día festivo», afirmou o presidente da ANPA.

Pero ademais do carácter lúdico, a iniciativa tamén pretende poñer en valor o esforzo que hai detrás dos disfraces e das comparsas, elaboradas durante semanas nas aulas. «É tamén un día para recoñecer a labor que se fai nos centros na creación dos traxes e dos disfraces, que moitas veces queda circunscrito ás instalacións do propio centro. Facendo desfile polas rúas céntricas da Rúa dignifícase ese traballo que fan os titores, os profesores, o alumnado e todos os pais que poden colaborar», destacou.

A resposta da veciñanza foi moi positiva, acompañando e gozando dunha mañá festiva que encheu as rúas de alegría. «Todos os veciños que puideron estar desfrutaron deste día tan lucido e creo que moi bonito para todos», subliñou López.

A intención agora é consolidar esta iniciativa e repetila nos vindeiros anos, preferiblemente nas datas propias do Entroido se o tempo o permite. «Intentaremos repetilo nos anos vindeiros. O importante é facelo e facer un día de comunión entre toda a veciñanza que sirva tanto para dignificar o traballo que se fai nos centros como para facer un día de festa no propio pobo», concluíu. Ao remato chocolatada servida polos propios pais e nais.

Con esta primeira edición, A Rúa dá un paso máis cara a unha educación que transcende as aulas e aposta pola colaboración, pola convivencia e polo orgullo compartido dunha comunidade que sabe celebrar unida.

 

 
Fotos cedidas