
Protección Civil da Rúa vén de presentar a súa memoria anual do recentemente rematado 2022, cun total de 307 operativos e 800 horas en beneficio da comunidade. 21 voluntarios realizaron distintas actividades nun total de 100 días.

En colaboración coa Policía Local, GES Valdeorras, bombeiros, Garda Civil, concellos, clubs deportivos, e diversas asociacións, atenderon un total de 58 chamadas de Emerxencias 112. Ademais, tamén realizaron actividades de apoio en accidentes e incendios comarcais e urbanos, así como no desprazamento de refuxiados ucraínos á comarca.

Por outra banda, na oficina de atención ao público e en probas deportivas e culturais, así como en feiras, entroidos e cabalgatas, Protección Civil realizou un total de 116 operativos (147 horas). Ditos operativos en colaboración cos concellos de Manzaneda, Vilamartín, O Barco, Rubiá, Carballeda, Petín, A Rúa, Ourense; e co resto de agrupacións da provincia. Ademais, a quilometraxe dos vehículos da agrupación foron un total de 7.819 km.

Porén, ademais dos operativos, 14 voluntarios asistiron a diferentes formacións. A temática deste cursos foi “apoio psicolóxico básico e manexo do estrés nas situacións críticas de emerxencias e catástrofes”, “busca de persoas desaparecidas, “primeiros auxilios de socorrismo en augas interiores”, “patrón de embarcacións” “rescate en lugares de difícil acceso”, e “coordinación operativa en plans de emerxencia”.
