A música tradicional galega volveu cobrar vida este sábado na Casa da Cultura da Rúa cun dobre obradoiro de pandeiros que reuniu a 24 participantes entre as sesións de mañá e tarde.
A actividade, posta en marcha pola agrupación Abertal, completou todas as prazas dispoñibles, confirmando o interese crecente por recuperar e aprender os oficios e sons da música tradicional.
O obradoiro foi impartido por Xosé Maceda, quen guiou aos asistentes durante todo o proceso de elaboración dos instrumentos. A proposta incluía tanto o material necesario como a formación práctica para que cada participante puidese construír o seu propio pandeiro.
O lugar escollido para desenvolver a actividade foi o espazo de ensaios de Abertal na Casa da Cultura da Rúa, que durante toda a xornada se converteu nun pequeno taller artesanal cheo de madeira, peles, ferramentas e moita ilusión.
Ao remate da experiencia chegou un dos momentos máis especiais, probar o son dos pandeiros xa rematados. E segundo destacaron os participantes, o resultado foi máis que satisfactorio. «O son era ben bo», comentaban entre sorrisos tras facer soar por primeira vez os instrumentos creados coas súas propias mans.
Máis alá da aprendizaxe técnica, o obradoiro converteuse tamén nun punto de encontro arredor da cultura popular e da música tradicional galega, nun ambiente marcado pola convivencia, a curiosidade e as ganas de manter vivo un patrimonio que segue pasando de xeración en xeración.
Desde Abertal valoraron moi positivamente a resposta do público e non descartan organizar novas actividades deste tipo no futuro, vendo o éxito de participación acadado nesta primeira experiencia.
