
María G. Albert presenta no Parlamento unha batería de iniciativas reclamando o restablecemento e optimización do servizo
A deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Maria G. Albert, demandará na cámara de Galiza que se restableza na maior brevidade posíbel o servizo da Oficina Agraria da Rúa, que leva pechada xa dúas semanas por baixa das dúas traballadoras asignadas a ela.
Albert estimou «inadmisíbel que a Xunta de Galiza non teña cuberto a falta desas dúas traballadoras nunha oficina que nos últimos anos vén sufrindo un progresivo deterioro de servizo con falta de persoal incidindo no progresivo deterioro do servizo aos usuarios e usuarias». Na actualidade ese «progresivo deterioro ten chegado a límites insoportábeis co peche sine die dunha oficina que ten a obriga de fornecer un servizo público fundamental nunha comarca de gran vocación vitivinícola como a nosa», asegura a deputada nacionalista.
O peche da oficina agraria da Rúa está a «sobresaturar de traballo á oficina do Barco, que ten que atender tamén as necesidades dos usuarios da oficina ruesa nunha situación absolutamente insustentábel». As iniciativas do BNG reclaman a recuperación pronta do servizo, a volta a un cadro de persoal mínimo de 3 profesionais e, en resumo, a configuración dunha Oficina Agraria comarcal que cubra as necesidades dos usuarios; algo que na actualidade «non está a acontecer».