O monte centra as Xornadas Culturais da Fundación Florencio que mira ao futuro de Valdeorras
A Fundación Florencio Delgado Gurriarán puxo o foco no monte como eixo central das súas Xornadas Culturais de 2026, unha iniciativa que busca analizar o impacto dos incendios do pasado verán en Valdeorras e abrir un camiño de reflexión cara ao futuro do territorio.
As xornadas, presentadas no Centro Cultural Avenida da Rúa, levan por título «Presente e futuro do monte en Valdeorras» e desenvolveranse en tres citas que combinarán análise, propostas de recuperación e visión cultural do territorio.
A xerente da Fundación, Débora Álvarez, explicou que esta temática nace directamente da experiencia vivida tras os lumes de agosto, que arrasaron máis de 30.000 hectáreas na comarca. «Quixemos analizar todo o que pasou, pero tamén mirar cara ao futuro e dar unha visión positiva a través de proxectos de recuperación e outras miradas sobre o uso do monte», destacou.
A primeira das citas será o 18 de abril na Rúa baixo o título «O que ardeu. Autopsia do lume e vivencia da comunidade». Nela participarán expertos como o biólogo do CSIC Serafín González Prieto, o bombeiro forestal Manuel Martínez e o enxeñeiro forestal Xabier Bruña, que analizarán as causas, o comportamento do lume e as medidas de prevención.
Tras as intervencións técnicas, abrirase un coloquio no que tomarán a palabra veciños e profesionais afectados polos incendios, achegando unha visión directa do ocorrido e dos retos de futuro.
Do impacto á oportunidade
A segunda xornada terá lugar o 9 de maio no Barco e centrarase nas oportunidades produtivas do monte. A concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, avanzou que se abordarán «estratexias de recuperación, oportunidades económicas e experiencias de empresas que xa están a traballar co monte», destacando o seu papel na prevención de incendios a través do seu aproveitamento sostible.
Neste encontro participarán expertos en recuperación de chans, xestión forestal e sectores como o vitivinícola, a gandería extensiva ou o turismo.
Un peche con visión cultural
A programación rematará o 13 de xuño en Larouco coa xornada «Somos monte», que ofrecerá unha perspectiva cultural, social e educativa do territorio. Incluirá tamén unha visita ao xacemento arqueolóxico do Castelo, en Valencia do Sil, como exemplo de posta en valor do patrimonio.
Durante a presentación, o concelleiro da Rúa, Vicente Solarat, puxo en valor a importancia destas xornadas para a comarca: «É clave que podamos saber por que pasou o que pasou e aprender para mellorar cara ao futuro. O monte forma parte da nosa identidade».
As xornadas pretenden así converter unha catástrofe recente nunha oportunidade para repensar o territorio, implicando á veciñanza, expertos e institucións nun diálogo aberto sobre o presente e o futuro do monte en Valdeorras.