A décimo terceira edición da Carreira e Andaina Popular do Nadal na Rúa reuniu a máis de 100 persoas nunha mañá fría no Aguillón, epicentro da saída das dúas probas. Segundo as listaxes foron 56 os inscritos na carreira e outros tantos na andaina.

Este evento solidario destacou non só polo seu carácter deportivo, senón tamén pola recollida de máis de 150 quilos de alimentos, amosando a solidariedade da veciñanza.

Na carreira, Alejo Ares proclamouse gañador absoluto na categoría masculina, seguido por Pablo Alonso e Pacho García. Pola súa parte, o podio feminino estivo encabezado por Iria Fernández, seguida de Gloria Anta e Maribel García.

A andaina contou coa participación de amigos, familias, corredores e andaríns, consolidándose como un espazo de encontro e deporte. O pistoletazo de saída deuno Avelino Seco, concelleiro de Deportes. A alcaldesa, María González Albert, tamén estivo presente no Aguillón apoiando a proba.

Organizada polos clubs Adase Móvete e o Concello da Rúa, estivo patrocinada por Generali e contou coa colaboración de: Xunta de Galicia, Deputación de Ourense, Federación Galega de Atletismo, NarjoIsa Millar, Joaquín Rebolledo, Ambulancias Sil, Distribuciones Roca, Protección Civil ou Iberdrola, entre outros.

O evento é unha mostra de como o deporte e a solidariedade poden ir da man, converténdose nunha tradición esperada polas rúas na época navideña. Un éxito que reflicte o compromiso da Rúa coa actividade física e o apoio aos máis necesitados.
