
O Centro Cultural Avenida foi o espazo escollido polo BNG da Rúa para celebrar o seu acto central nesta campaña para as eleccións municipais do próximo domingo.
Nun auditorio cheo os nacionalistas desgranaron o seu programa electoral para os próximos catro anos coa participación da candidata á alcaldía, María Albert, á que acompañaron as deputadas no Parlamento de Galiza Carme Aira e Rosana Pérez e a eurodiputada Ana Miranda. No acto interviron tamén Cristian (Titi) Ladrón de Guevara e Avelino Fernández.

Albert destacou na súa intervención que é unha “namorada da Rúa” e que busca que as próximas xeracións teñan aquí, “como mínimo” as mesmas oportunidades que tivo ela para “poder desenvolver na Rúa o seu proxecto de vida.
Nunha intervención centrada no futuro si tivo tempo de sinalar que este último mandato foi “moi duro” e que a recente obriga ao Concello de acollerse a un Plan de Axuste por non cumpriren coas obrigas de pago a proveedores supón un problema a futuro.

Tamén dedicou un tempo a falar da situación das piscinas municipais antes de adentrarse nas “liñas mestras” do programa do BNG “para garantir un futuro para A Rúa”.
Así, falou de reactivación económica, dunha Rúa dos servizos —facendo especial fincapé na problemática do abastecemento domiciliario—, da importancia do sector vitivinícola para o futuro do Concello e da necesidade de avanzar nunha “Rúa do Benestar”.
