
Segundo a nota de prensa enviada polo Concello da Rúa, despois de «moitos esforzos, lamentamos informar» que esta fin de semana festiva non contará con atraccións infantís para nenas e nenos no recinto feiral do Aguillón.
Esta situación deriva da negativa do sector a participar do novo recinto para cumpriren coas normativas de seguridade que eran, sobre todas as cousas, «a única liña vermella posta polo Concello para a súa instalación».
Dende o Concello da Rúa «somos conscientes do enorme trastorno que esta situación causa». Pero en outras ocasións xa deixaron claro que o seu principal interese é que non queren «poñer en risco a seguridade das persoas incumprindo coa lei».
«Somos conscientes das presións sufridas por boa parte do sector, que até onte mesmo manifestou o seu grande interese por acudir a unhas Festas». Isto débese a que representan unha parte importante da facturación de verán para eles.
«Sabemos que as presións viñeron non só de dentro senón tamén por parte dunha oposición que fixo todo o posible por boicotear as festas do Concello». Segundo explica, «enganou ao sector facéndolles crer que se presionaban até o final o Concello renunciaría ás normativas de seguridade e cedería no traslado das instalacións».
Do mesmo xeito, instalacións alternativas que xa tiñan apalabrada a súa participación —unha noria xigante de 45m de altura ou o boomerang— e que, como aclaran dende o equipo de goberno, até presentaran a documentación no Rexistro Municipal tiveran que renunciar á súa asistencia ás Festas «ante a situación xerada por que só pensa en boicotear as Festas da Rúa por interese propio e non no benestar dos seus conveciños».
Na nota de prensa sinalan unha serie de datos: dicir que a superficie que até o de agora ocupaban as atraccións no centro da vila representaba un espazo total de 1.426m² mentres que o recinto destinado ás atraccións no Aguillón representa 4.485 m²; co engadido de que no novo recinto feiral estamos a cumprir cos criterios de seguridade, espazo, liñas de evacuación, saídas de emerxencia e demais requisitos legais.
Desde o Concello «queremos manifestar o noso máis fondo pesar polos inconvenientes que esta situación vai xerar no divertimento de nenos que son, como resulta claro, unha parte fundamental».
A pesar de todo «convidamos a toda a cidadanía a volcarse na excepcional programación deste verán». A maiores, matizan que «esta situación non se repetirá en 2025 coa consolidación do recinto feiral do Aguillón».