
O Concello da Rúa acollerá este sábado día 9 de marzo ás 12 da mañá a Gala Corona González. Este acto será no Centro Cultural Avenida. «Espero que sexa unha gala simple, pero moi emotiva», asegura María G. Albert, alcaldesa do Concello da Rúa.
Neste acto vanse homenaxear a catro mulleres, farano polo que «representan por si mesmas, pero tamén polo que representan nun colectivo infinitamente máis grande», explica Albert. O sector elixido para esta primeira gala foi o comercio local, entón «escollemos a catro mulleres que xa están xubiladas, moitas delas fai bastantes anos, pero que por distintos motivos, teñen un simbolismo co que ten que ver con este día», asegura a alcaldesa.
Por unha banda son dúas mulleres que tiveron «negocios en zonas afastadas da vila, unha no Barrio de Fátima e outra na zona da Rúa Vella». Para as outras dúas homenaxeadas decidiron tomar referencia noutro punto da Rúa, estas «estiveron no centro urbano que foi onde se asentou máis o comercio local»
Pero, ¿quen é Corona González?
Corona González era filla de ferroviario, por mor da profesión do seu pai non naceu na Rúa. A nai era de aquí, grazas a isto González desenvolveu a súa vida na zona durante moitos anos. Na década dos 20 ou 30 «tivo unha gran repercusión con artigos de opinión na revista Céltiga, nos que falaba principalmente da emigración e dos dereitos da muller», relata a alcaldesa.
Nesa época as mulleres estaban «maioritariamente confinadas nas súas casas», explica Albert. Entón, Corona González, o que facía era escribir motivando a todas as mulleres a que tiveran unha «independencia económica na súa vida», conta a alcaldesa da Rúa.
Para a propia alcaldesa era unha «gran descoñecida». De feito, a primeira vez que escoitou o nome de Corona González «foi nun pleno municipal do Concello da Rúa vai case 7 anos». Nese momento estábase a debater unha moción en referencia o 8M e «o portavoz do PP, Avelino García, mencionou a esta persoa. El tampouco coñecía moi ben, pero que lle chegara ecos da súa existencia».
Dende aquelas, María Albert quedara «con ese tema na cabeza», como ela mesma explica. Entón, con motivo desta celebración comezaron a investigar sobre ela. Grazas a todo o labor que fixo, decidiron que era un bo momento para «resolver esta débeda histórica que tiña o Concello da Rúa con Corona González», conclúe María G. Albert.