
A BacoFesta consolidábase este ano coa súa novena edición no Concello da Rúa. Unha festa que durou até o domingo 11 e que uniu o viño de Valdeorras e a época romana da vila ruesa.
Foron un total de nove adegas as que participaron durante toda a fin de semana con diferentes postos nos que ofrecían a opción de degustar unha copa das súas variedades. As participantes foron A Coroa, Alan de Val, Joaquín Rebolledo, Melillas e Fillos, Pinguela, Sampayolo, Roandi, D´Berna e José Luis Aristegui.

Como acontecía coas Festas de Verán, o principal obxectivo que teñen dende o equipo de goberno con este tipo de eventos é «ter un retorno económico e en imaxe». De feito, a alcaldesa considera que se conseguiron ambas metas.
Esas nove adegas participantes «quedaron satisfeitas, pero é necesario darlle unha volta ao tema da artesanía». Algúns dos postos que xa confirmaran a súa asistencia non acudiron ao recinto, polo tanto ese espazo quedou «máis coxo do que nos gustaría». Con todo isto, a restauración «foi mellor que o ano pasado» grazas ao incremento de oferta.

A principal intención que teñen dende o Concello rués é tornar o espazo a que cada vez sexa máis tradicional, por exemplo pretenden que a madeira comece a ser protagonista nas carpas. Sumado a isto tamén se pretende non volver a abrir o pavillón, xa que houbo «un certo vandalismo», por este motivo habilitarán máis baños químicos.
Nesta ocasión tamén se creou un plan de tráfico e de seguridade —mesmo método empregado nestas Festas de Verán— os cales «funcionaron ben».