
O Concello da Rúa avanza na execución de varios proxectos para mellorar infraestruturas e servizos no municipio. A alcaldesa, María González Albert, destacou que se están ultimando os preparativos para o inicio de diversas obras que contribuirán ao desenvolvemento urbano e ao benestar da veciñanza.
Recuperación do Arboretum e melloras urbanas
Un dos proxectos clave é a recuperación do Arboretum, un espazo natural situado á beira do río Sil. A súa creación iniciouse en 2016, coincidindo co Día da Árbore, como unha área de diversidade vexetal con distintas especies de árbores e arbustos. O obxectivo desta iniciativa, na que colaboran o Distrito Forestal XIII da Consellaría de Medio Ambiente, o Concello da Rúa e os centros escolares da vila, é continuar co enriquecemento do espazo mediante a incorporación anual de novas especies.
«Este proxecto iniciouse hai nove anos, pero quedou paralizado. Agora queremos retomalo porque é un lugar ideal para o lecer», explicou. O plan inclúe a plantación de novas árbores, a mellora da iluminación e a creación dunha área de xogos infantís, consolidando este espazo como un punto de referencia para o contacto coa natureza e a educación ambiental.
Tamén está previsto que saian a licitación a primeira fase do parque infantil de Fontei e a terceira fase da Rúa Pireira, co obxectivo de ampliar as infraestruturas de esparexemento e mobilidade no municipio.
Obras xa finalizadas e novas actuacións
A actuación en Fontei xa está rematada e incluíu melloras clave nos sistemas de saneamento e abastecemento. «A obra levou algo máis de tempo do previsto debido a intervencións na rede de auga, pero agora a rúa está sensiblemente mellorada, tanto nos servizos como na súa estética», afirmou a rexedora.
En canto ás actuacións pendentes, están previstas intervencións en Vilela e O Souto, incluídas dentro do Plan CooperOU deste ano. «Estas obras foron incorporadas ao plan e agora estamos á espera da aceptación e posterior licitación. Gustaríanos poder aproveitalo bo tempo para evitar acumulacións de proxectos a final de ano», explicou a alcaldesa, sinalando que a Deputación está axilizando os trámites este ano, o que facilitará a súa execución.
Avances no novo Centro de Saúde
Outro dos proxectos máis esperados pola veciñanza é a construción do novo Centro de Saúde. Segundo Albert, xa se comezaron a colocar os materiais e realizar movementos de terra para analizar as condicións do terreo. «Por agora, todo segue o ritmo previsto e estamos satisfeitos de que esta infraestrutura comece a ser unha realidade», afirmou.
A rexedora subliñou a importancia deste proxecto para a calidade asistencial na localidade. «A xente está moi interesada porque é unha necesidade evidente. O actual centro de saúde xa non cumpre coas demandas actuais», destacou. Ademais, apuntou que, unha vez inaugurado, o obxectivo será loitar por manter e incluso ampliar os servizos sanitarios, evitando calquera recorte.