viernes. 30.05.2025

A Rúa avanza na construción do novo centro de saúde

A alcaldesa da Rúa, María González Albert, asegurou que as condicións meteorolóxicas están a dificultar o inicio das obras
P_somoscomarca_250130_arua_obras_centrosalud1096

A alcaldesa da Rúa, María González Albert, céntrase nos avances do novo centro de saúde, aínda que recoñece que as condicións meteorolóxicas están a dificultar o inicio das obras: «Fixeron algún movemento de terra, pero esta semana está sendo complicada a nivel climatolóxico e estase atrasando un pouco o que sería o inicio real a pleno rendemento».

Con todo, manifestou a súa satisfacción porque o proxecto, moi demandado pola veciñanza, comeza a tomar forma: «Estas obras marcan un antes e un despois», asegurou.

A alcaldesa tamén subliñou, de novo, que a necesidade de contar con este novo centro de saúde é un reclamo que data de fai case 25 anos, cando o Concello da Rúa iniciou as primeiras peticións para mellorar as instalacións sanitarias. Durante este longo proceso, houbo moitos obstáculos, incluíndo a modificación de criterios por parte da Xunta de Galicia cando se adquiriron terreos para a súa ubicación.

somoscomarca_250130_arua_obras_centrosalud1097

Cabe recordar que o ente autonómico adxudicou a construción do novo centro de saúde á empresa Vilor Infraestruturas S.L. por un importe de 2,8 millóns de euros no mes de decembro. De feito, as previsións iniciais establecen que os traballos durarán 16 meses.

O novo edificio, de máis de 1.300 m², incluirá instalacións sostibles con paneis fotovoltaicos, zonas axardinadas e sistemas de iluminación natural para fomentar o aforro enerxético.

A Rúa avanza na construción do novo centro de saúde