
O Concello da Rúa celebrou o 13 de xaneiro o seu primeiro pleno ordinario do ano 2025, no que se aprobaron dúas medidas: unha nova ordenanza reguladora da ludoteca e o tempo de lecer, acompañada dunha actualización fiscal das taxas, e a delegación de competencias para a redacción da ordenanza do servizo de saneamento.
Nova regulación da ludoteca e o tempo de lecer
Entre os cambios incluídos na nova regulación, destaca a ampliación das prazas dispoñibles. A ludoteca pasa de 40 a 50 prazas e o tempo de lecer de 60 a 70. Ademais, créanse novas modalidades horarias que se adaptan mellor ás necesidades das familias, como a opción de xornada completa (de 7:30 a 9:15 e de 15:15 a 19:45), unha xornada só de tarde (de 15:15 a 19:45) e outra para madrugadores (de 7:30 a 9:15).
Estas melloras tamén implican cambios nos prazos de solicitude e matriculación para facilitar a organización das familias. A partir de agora, as solicitudes para a ludoteca abriranse o 1 de xuño e se resolverán con antelación suficiente para que as familias poidan planificar o curso escolar. No caso do tempo de lecer iniciarán a principios de maio.
No caso de que exista un empate entre os demandantes do servizo, a proposta contempla un sexto punto para desempatar: o día e hora no que formalizou a solicitude. Os cambios de estos servizos foron aprobados por seis votos a favor de cinco abstencións.
Nove tarifas adaptadas e progresivas
A nova ordenanza fiscal —aprobada por seis votos a favor e cinco en contra— fixa unhas tarifas actualizadas, diferenciadas por tipo de servizo e número de membros por familia. Na ludoteca, a xornada completa custará 40 euros ao mes por un neno, mentres que a opción de tarde terá un custo de 30 euros e a de madrugadores, 20 euros. Para dúas ou tres crianzas dunha mesma familia aplícanse descontos progresivos, reducindo as tarifas a 70 e 105 euros, respectivamente, para xornada completa, 50 e 75 euros para a opción de tarde, e 30 e 45 euros para madrugadores.
No caso do tempo de lecer, que funciona por quincenas, as tarifas serán de 40 euros para un neno, 70 euros para dous e 105 euros para tres. Ademais, establécese unha taxa de 5 euros para prazas vacantes, en substitución dos 3 euros que se cobraban até agora.
Durante o pleno, o tenente de alcalde, Luís Gudiña, destacou que a ludoteca e o tempo de lecer son servizos moi valorados pola cidadanía, pero tamén cun custo elevado para o concello. «Actualmente, o gasto total destes servizos ascende a 66.238 euros anuais. Pola contra, os ingresos que obtemos das taxas alcanzan os 16.230 euros, o que deixa ao concello asumindo case o 75 % do custo total», explicou.
Coa nova actualización das taxas, o obxectivo é reducir ese déficit, sen que o peso recaia totalmente nos usuarios. «Propoñemos un incremento que permitirá aumentar os ingresos ata 33.400 euros anuais. Isto supón que o concello seguirá asumindo o 50 % do custo, garantindo que os servizos sigan sendo accesibles», indicou Gudiña.
A alcaldesa, María González Albert, defendeu a actualización das taxas como unha medida necesaria. «Pensar que por 40 euros ao mes os nenos poden estar atendidos por profesionais cualificados durante seis horas diarias é un luxo que outros concellos non ofrecen. Este é un servizo privilexiado», afirmou.
Desde o Partido Popular, o portavoz Álvaro Fernández mostrouse crítico co incremento das tarifas, sinalando que «as familias están nunha situación económica complicada e estas subas poden dificultar a conciliación laboral». Pola súa banda, José Vicente Solarat, do grupo RUA, recoñeceu a importancia de revisar as taxas tras máis de 20 anos sen modificacións, pero destacou a necesidade de reflexionar sobre o equilibrio entre ingresos e custos en todos os servizos municipais.
Delegación ao Consorcio de Augas de Valdeorras
Outro dos puntos debatidos foi a delegación de competencias para a redacción da ordenanza do servizo de saneamento ao Consorcio de Augas de Valdeorras. A alcaldesa explicou que «esta proposta, ditaminada favorablemente na comisión de asuntos de pleno, trátase de delegar a elaboración da ordenanza, pero non a titularidade do servizo, que segue sendo do concello».
O portavoz do Partido Popular, Álvaro Fernández, anunciou a abstención do seu grupo neste punto, ao consideralo unha cuestión menor. «Agradecemos que o Consorcio asuma este traballo técnico, pero non consideramos que teña unha relevancia suficiente como para emitir un voto a favor ou en contra», afirmou.
Finalmente, a moción foi aprobada con seis votos a favor e cinco abstencións, permitindo avanzar na xestión do servizo de saneamento a través da colaboración co Consorcio de Augas.