
Fai 100 anos, un 23 de decembro ás 11:30, a fotógrafa estadounidense, Ruth Matilda Anderson estaba a piques de chegar ao Concello da Rúa para retratar o seu entorno rural e artesanía tradicional durante tres días. Esta viaxe estaba enmarcada nun percorrido por toda Galicia onde seu pai tomaba notas nun diario e ela realizaba 5000 fotografías, moitas delas aínda sen positivar.
Con esta premisa e cunha protagonista fixada, esta mañá, María González Albert, alcaldesa da Rúa, e Cristina de la Torre, presentaron no salón de plenos do Concello o proxecto “Camiños Falados da Rúa”, unha páxina web creada para preservar e divulgar a memoria histórica e cultural da vila.
«Despois de pensalo moito ao final chamámolo "Camiños Falados da Rúa". Ademais, esta é unha iniciativa que nos fai especial ilusión como concello», destacou a alcaldesa, quen agradeceu a Cristina de la Torre o seu labor no desenvolvemento deste proxecto. A web ten como obxectivo recoller memorias, tanto grandes como pequenas, que configuran a identidade do municipio, ofrecendo un espazo para o recordo colectivo.
Pola súa banda, Cristina de la Torre explicou que a plataforma non só será un arquivo de fotografías, senón tamén un espazo para contar relatos do presente ou do pasado, conectadas coa vida e os hábitos dos habitantes da Rúa. Ademais, o proxecto busca fomentar o orgullo local e o coñecemento da historia, tanto para os veciños de sempre como para os novos habitantes.
Unha homenaxe a Ruth Matilda Anderson
O primeiro relato desta páxina ten como protagonista a Ruth Matilda Anderson. Quen durante a súa viaxe polo municipio rués capturou imaxes que forman parte dun valioso arquivo histórico. Inspirados nelas, “Camiños Falados” abre con dúas seccións principais: roteiros e historias.
A primeira publicación parte dunha fotografía tomada durante unha "notie boa" na antiga Fonda Paco, na rúa da Estación. A partir desta imaxe, construíuse un roteiro que reconstrúe o percorrido de Ruth Matilda pola vila, identificando os lugares e perspectivas dende os que realizou as súas instantáneas.

Participación cidadá e evolución do proxecto
A web tamén inclúe unha sección de colaboración, onde os veciños poden enviar historias ou rexistrarse nun boletín para seguir as novidades. Cristina destacou que «é fundamental que as achegas se revisen e contrasten, para garantir a calidade e a fidelidade histórica».
“Camiños Falados da Rúa” promete ser unha web evolutiva, enriquecida continuamente con relatos que conforman a esencia do municipio. Esta iniciativa é unha ponte entre pasado e presente, que permite preservar a memoria colectiva e fortalecer o sentimento de comunidade entre os rueses.