Un de cada tres veciños de Valdeorras é pensionista: Modepen alerta na Rúa da importancia do sistema público

A charla-coloquio organizada na Rúa puxo o foco no peso das pensións na economía comarcal e na necesidade de defendelas como piar do estado do benestar

A Rúa acolleu unha charla-coloquio sobre o sistema público de pensións organizada polo Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos —Modepen—, na que se puxo o foco tanto nas conquistas acadadas como nas ameazas actuais deste sistema. O economista, escritor e profesor xubilado Xavier Pérez Dávila foi o encargado de ofrecer unha análise detallada, con especial atención á realidade da comarca de Valdeorras.

«Vin á Rúa para dar unha charla sobre as conquistas, problemas e ameazas do sistema público de pensións», explicaba, sinalando que o seu obxectivo era achegar unha visión global —de Galicia, do Estado e da Unión Europea— pero tamén baixar ao detalle local con datos concretos da comarca.

E precisamente eses datos foron os que máis chamaron a atención. Segundo indicou, tomando como referencia cifras do Instituto Galego de Estatística, en Valdeorras viven arredor de 25.000 persoas, das cales 8.400 son pensionistas. «Iso quere dicir que o 34%, unha de cada tres persoas, é pensionista», destacou, incidindo no peso demográfico deste colectivo.

No que respecta ás contías, Pérez Davila puxo o foco na pensión mediana, que sitúa arredor dos 1.100 euros mensuais para 2026. «Das 8.400 persoas pensionistas, 4.200 teñen unha pensión inferior e 4.200 superior», explicaba, subliñando así a realidade económica de boa parte da poboación.

Outro dos aspectos analizados foi a fenda de xénero, tanto a nivel individual como colectivo. «A pensión media das mulleres está en torno aos 1.000 euros e a dos homes supera os 1.400», indicou, engadindo que a diferenza real é aínda maior ao haber máis homes que perciben pensión. «Se combinamos número de pensións e contías, as mulleres ingresan menos de 4 millóns de euros ao mes e os homes arredor de 6,5», detallou.

Unha realidade que tamén ten impacto directo na economía da comarca. Segundo os seus cálculos, cada mes entran en Valdeorras máis de 11 millóns de euros procedentes das pensións, o que supón máis de 160 millóns ao ano. «Case todo ese diñeiro gástase na hostalaría, no comercio local e na actividade económica da comarca», apuntou.

A pesar de que a asistencia non foi moi numerosa, o relator valorou moi positivamente o encontro. «Veu pouca xente, pero provocouse un debate moi interesante, con persoas que teñen coñecementos importantes e saben do que se fala», asegurou, destacando que o nivel do diálogo foi «moi alto».

Entre o público, os asistentes tamén puxeron en valor a utilidade da charla. Un deles destacaba que «foron datos que non coñeciamos, como que un de cada tres valdeorreses cobra unha pensión ou a cantidade de millóns que se manexan na comarca», incidindo na importancia de coñecer esta realidade.

Como conclusión, desde Modepen subliñan o papel esencial das pensións dentro do sistema de benestar. «O sistema público de pensións, xunto coa sanidade e o ensino, son tres piares esenciais», afirmaba Pérez da Vila, lembrando que constitúen a principal fonte de ingresos para unha parte moi significativa da poboación.

Neste sentido, o movemento defende medidas como a equiparación da pensión mínima ao salario mínimo interprofesional, a xubilación aos 65 anos e políticas que reduzan a fenda de xénero.

A entidade continúa a súa actividade divulgativa por toda Galicia, ofrecendo charlas alí onde son solicitadas. «O que queremos é informar, tanto con esquemas de interpretación como con datos concretos sobre a realidade do sistema público de pensións», concluíu.

Tu prueba Premium ha finalizado