
O Concello da Rúa ofrecerá durante a ponte de decembro unha ampla programación cultural e musical que, xunto coa iluminación do municipio, busca converter estas datas nun punto de encontro para veciños e visitantes. A maiores, a alcaldesa, María González Albert, destacou como iniciativas principais o proxecto audiovisual RUAGUA, orientado ao uso responsable da auga, e o Videa Fest, un festival multidisciplinar que combinará música, arte e cine para todos os públicos.
RUAGUA: Un documental para concienciar sobre o uso da auga
No marco do proxecto RUAGUA, o pasado 3 de decembro comezou a gravación dun documental que busca concienciar á cidadanía sobre a importancia do uso responsable da auga. Durante a segunda xornada de gravación, os técnicos municipais visitaron captacións, depósitos e infraestruturas locais. Ademais visitaron o CEIP O Respino, onde rexistraron imaxes que formarán parte deste proxecto.
«Este documental servirá para dar a coñecer o proxecto e promover un uso consciente da auga. Será unha ferramenta para que todos podamos aprender e beneficiarnos desta iniciativa», sinalou a alcaldesa.
Videa Fest: A cultura como protagonista da ponte
Outra das apostas do Concello para esta ponte é o Videa Fest, un festival que une música, cine e arte, co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Ourense a través da Rede de Auditorios da Provincia. O evento terá lugar no Centro Cultural Avenida e contará tamén con exposicións e catas de viño.
O festival arranca o 5 de decembro co tradicional encendido das luces de Nadal e o concerto do grupo Piñeiros Van, que ofrecerá versións de clásicos do pop e rock. A programación musical continuará coa actuación da Banda de Música e Cultura de Galicia, que interpretará bandas sonoras de películas, mentres que a clausura será o día 8 cunha sesión vermú na praza do Concello a cargo dos Green Angels, banda local que promete animar ao público.
O Centro Cultural Avenida converterase nun punto de encontro para os amantes do cine coa proxección de dúas películas destacadas. "Guardianes en la Ópera" poderá verse o venres 6 de decembro ás 17:00 horas, o sábado 7 ás 16:30 horas e o domingo 8 ás 17:00 horas. Pola súa parte, "Verano en Diciembre" proxectarase o venres 6 e o sábado 7 ás 22:30 horas e o domingo 8 ás 19:30 horas. Ademais, o festival contará coa proxección da curtametraxe "Paula con P de Reme", engadindo un toque de cinema breve e autoral á programación.
Iluminación de Nadal: novidades e melloras
O venres 5 de decembro, o municipio acenderá as luces de Nadal, cunha iluminación renovada que dará un novo aspecto á Rúa Doutor Vila e ao encoro do Aguillón. Os barrios de Rúa Vella, Somoza, Vilela, Roblido e Fontei tamén lucirán a súa decoración, na que destaca, un ano máis, o traballo da Asociación Cultural San Cristóbal.
Unha das melloras máis significativas será a iluminación da Rúa das Barreais, que conecta a zona alta de Fontei co distrito escolar e o cemiterio. «É unha zona moi transitada e escura. Agora, despois de máis dun ano traballando, conseguimos instalar as luminarias que garantirán unha maior seguridade para todos os veciños», subliñou González Albert.
O Concello da Rúa aposta, así, por unha ponte de decembro que combina cultura, conciencia medioambiental e melloras no benestar da veciñanza.