domingo. 15.06.2025

«O 4» da Rúa: grandes éxitos do pop español da man do dueto coruñés «Dos en Punto»

somoscomarca_dosenpunto (2)

A música en directo volverá ser protagonista na noite ruesa este sábado, 12 de abril, a partir das 23:00 horas, grazas á iniciativa do establecemento hostaleitro «O 4», que quere dar a benvida á primavera e á Semana Santa cun concerto pensado para todos os públicos.

A aposta vén da man do dueto coruñés «Dos en Punto», formado polos músicos Hugo Torreiro e Carlos Bau, dous artistas cunha ampla traxectoria que levan xa preto de oito anos compartindo escenario por toda Galicia, ofrecendo un espectáculo cheo de enerxía, lembranzas e moito ritmo.

A xerencia de «O 4» sinala que con esta proposta buscan «crear un gran ambiente festeiro» na vila e dar o pistoletazo de saída a unha época do ano na que a xente volve saír á rúa con ganas de compartir, celebrar e desfrutar.

O espectáculo de «Dos en Punto» é unha auténtica viaxe polos grandes éxitos do pop español de todas as épocas, cun repertorio que mestura clásicos e temas actuais, sempre cun estilo propio e moita complicidade co público.

Como definen eles mesmos, «que pasa se colles unha cocteleira, engádeslle Los Secretos, Nino Bravo, Estopa, Melendi, Amaral, Alaska, Hombres G e Rocío Jurado? Pois que é cuestión de probalo e gozar co combinado musical “Dos en Punto”».

Un plan perfecto para comezar a Semana Santa ao ritmo da mellor música en directo, en boa compañía e sen saír da Rúa.

«O 4» da Rúa: grandes éxitos do pop español da man do dueto coruñés «Dos en Punto»