jueves. 29.02.2024
WhatsApp Image 2023-08-22 at 13.10.34
A Xunta renova a tecnoloxía da unidade de radioloxía intervencionista do CHUO

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, que a Xunta de Galicia renova a tecnoloxía da Unidade de Radioloxía Intervencionista do Hospital Universitario de Ourense cun novo equipo de preto de 900.000 euros. Tal e como remarcou o titular da carteira sanitaria na súa visita a este centro sanitario da rede do Sergas, “este equipo mellorará significativamente a calidade da imaxe, permitindo as reconstrucións 3D e, ademais, serve de guía ao radiólogo á hora de realizar os procedementos máis complexos”. Tamén reduce de xeito considerable a radiación á que está sometido o paciente durante o proceso.

Comesaña, que estivo acompañado na súa visita pola directora asistencial da área sanitaria, Mar Vázquez; así como pola xefa territorial de Sanidade, Laura López, trasladou os seus parabéns aos radiólogos do Servizo de Radioloxía Intervencionista, “pola súa ampla formación no manexo de técnicas minimamente invasivas que permite que a unidade ourensá sexa referente a nivel nacional”. Ao respecto, a Sociedade Española de Radioloxía Vascular Intervencionista recoñeceu a traxectoria desta unidade cunha acreditación para desenvolver un dos seus programas pioneiros en formación, -remarcou Comesaña-.

Grazas a este programa de formación, o conselleiro dixo que a unidade do Hospital Universitario de Ourense pode incorporar todos os procedementos necesarios para a capacitación, tanto en procedementos terapéuticos como nos diagnósticos asistidos por ecografía, TAC ou resonancia magnética.

Na súa intervención, Comesaña puxo en valor que a Xunta está a facer unha gran aposta por achegar a tecnoloxía máis punteira aos hospitais da rede sanitaria pública galega. Para esta aposta, o Goberno galego sérvese dos fondos habilitados pola Unión Europea logo da pandemia. Así, no marco desa iniciativa, anunciouse, en setembro do pasado ano, o investimento de máis de 8 millóns de euros en oito equipos de radioloxía vascular e neurovascular para os hospitais do Sergas, e este novo equipo do Hospital Universitario de Ourense forma parte dese investimento.

Ademais, o conselleiro dixo, tamén que a Xunta deu en xullo de 2021 un gran paso coa adquisición de sete robots Da Vinci, un para cada área sanitaria. Dende entón, na área de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, realizáronse máis de 500 con estes aparellos.

A Xunta renova a tecnoloxía da unidade de radioloxía intervencionista do CHUO