jueves. 28.03.2024
A Xunta propón converter os baixos en vivendas se manteñen as condicións de luz

A Xunta, da man do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, propón unha modificación das Normas de habitabilidade da vivenda que permita un cambio de uso dun baixo dun inmoble para convertelo nunha futura vivenda, en todo caso garantindo a calidade de vida, mantendo as condicións de intimidade, luz ou ventilación.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada polo director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto, presidiu hoxe a reunión do Observatorio da Vivenda de Galicia, onde deu conta das modificacións da normativa pola que se rexen as condicións que deben reunir as vivendas, impulsadas dentro dun grupo de traballo formado por persoal técnico do IGVS e do COAG.

Ángeles Vázquez explicou que este equipo leva tempo analizando a modificación da devandita norma e a súa actualización quere ser unha resposta a unha realidade. “Os tempos van mudando e polo tanto nós tamén temos que ir mudando", subliñou.

Un dos condicionantes que se integran —que agora se elevarán ao Comité Asesor da Habitabilidade, para a súa consideración— é que os concellos poidan establecer zonas específicas —rúas, mazas ou bloques— onde, mediante a aprobación dun anexo de habitabilidade- se exima do cumprimento das determinacións relativas á protección de vistas dende as rúas, prazas e espazos públicos. 

Tal e como explicou a conselleira, isto será de aplicación nos municipios con ámbitos afectados por un plan especial de protección do patrimonio, nos núcleos rurais ou en zonas de solo urbano onde existan motivos urbanísticos para facelo. No resto dos ámbitos, só se esixirá a protección de vista a dúas estanzas de cada vivenda.

En todo caso, os anexos de habitabilidade precisarán do informe sectorial do IGVS, que deberá ser emitido no prazo dun mes desde a data de solicitude.

Este anexo, ademais de incluír as condicións que debe reunir as vivendas para ter consideración de exterior, identificará os espazos, públicos e privados, que poderán ser utilizados para a eliminación e ventilación das estancias, e os estándares mínimos de accesibilidade.

Isto permitirá, tal e como subliñou Ángeles Vázquez, “dar saída a aqueles locais que por diferentes circunstancias perderon o uso de baixo comercial, pero teñen as condicións para converterse nunha vivenda, evitando así ter espazos baleiros nas cidades e vilas”.
 

A Xunta propón converter os baixos en vivendas se manteñen as condicións de luz