
Un investimento da Xunta de Galicia de 1.121.716,81 euros permitirá modernizar todos os quirófanos do Hospital Universitario de Ourense, con 23 novas mesas de operacións móbiles e de altas prestacións, no marco dunha licitación deste equipamento destinado aos hospitais de Ourense, Vigo, Santiago e A Coruña que ven de ser adxudicado a Getinge Group Spain S.L.U.
Do orzamento global de 3 millóns de euros, a maior partida é a destinada ao Hospital Universitario, onde se instalarán 4 mesas de prestacións avanzadas e 19 mesas móbiles, estas últimas do modelo Getinge Maquet Meera, por un valor de 755.483,36€. Contan con desprazamento lonxitudinal motorizado, o que permite unha radiotransparencia case ilimitada, para a realización de probas radiolóxicas intraoperatorias, cunhas características que garanten a máxima confortabilidade e seguridade tanto para os pacientes como para o persoal.
A nova mesa de operacións recibiu o prestixioso galardón iF Design Award polo seu deseño, xa que a súa flexibilidade de posicionamento e inclinación facilita o seu uso en todas as disciplinas cirúrxicas, con maior confort para os pacientes e os profesionais. Asemade, contan cun maior número de seccións e de articulacións motorizadas; maior rango de altura e ángulo de inclinación; así como unha maior anchura do taboleiro e grosor do colchón.
Tamén inclúen un sistema de sensores, que evita colisións durante os movementos dentro do quirófano; un sistema de auto nivelación e un sistema de iluminación de seguridade baixo a mesa, que alerta do estado da mesma, se está freada ou non. Abundando na seguridade, as superficies e a cuberta da base son de aceiro inoxidable e planas para facilitar a limpeza e a desinfección.
Mesas de altas prestacións 100% radiotransparentes
Ás catro mesas cirúrxicas de altas prestacións, modelo Getinge Maquet Otesus destínase un orzamento de 366.233,46€. Son mesas de operacións modulares, cunha ampla variedade accesorios, para que o persoal cirúrxico poda adaptar a composición a cada paciente ou intervención, e que polas súas características adicaranse a cirurxía vascular, neurocirurxía, traumatoloxía e cirurxía xeral e do aparello dixestivo.
As novas mesas de operacións avanzadas inclúen unha columna fixa, con control manual e unha amplísima variedade de posicionamentos, mediante un mando de control intelixente, intuitivo de fácil manexo, mellorando a seguridade dos pacientes, cunha capacidade e estabilidade de ata 250 quilogramos en posición invertida.
Igualmente, este sistema conta con taboleiros que permiten unha fácil transferencia do paciente, para evitar a repetición de desprazamentos e garantir a súa seguridade e a dos profesionais en todo o procedemento. Igualmente gran parte das súas pezas e accesorios son lavables directamente nas máquinas esterilizadoras.
Con base de fibra de carbono, son 100% radiotransparentes, permitindo obter imaxes radiolóxicas de precisión en todos os ángulos. Igualmente son totalmente flexibles para unha gran variedade de procedementos, cun posicionamento óptimo para cirurxías de columna e vasculares.
Modernización de quirófanos
Este investimento súmase a recente adquisición de lámparas de quirófano, que se están a instalar neste intre nas tres áreas cirúrxicas dos hospitais de Ourense, Verín e Valdeorras. En concreto son 26 equipos nos que a Xunta de Galicia investiu tamén en Ourense a maior partida por Áreas Sanitarias: 589.875 euros, o 42% dun orzamento de 1,4.millóns de euros.
Esta nova adxudicación na mellora da dotación técnolóxica e de equipamento dos centros sanitarios públicos de Galicia é susceptible de finanzamento ao 100% pola Unión Europea no marco do eixo REACT UE do programa operativo FEDER 2014-2020 como parte da resposta da UE a pandemia Covid-19.