domingo. 12.07.2026

A Xunta destina case 54 millóns de euros á mellora de máis de 400 quilómetros de estradas autonómicas

As actuacións inclúen renovación de firmes, corrección de curvas, redeseño de interseccións e reforzo da sinalización horizontal
somoscomarca_alfonsorueda

A Xunta está a executar este ano actuacións de conservación e mellora en máis de 400 quilómetros da rede autonómica de estradas cun investimento que rolda os 54 millóns de euros repartidos entre as catro provincias galegas.

Os traballos teñen como principal obxectivo incrementar a seguridade viaria e favorecer unha circulación máis fluída mediante actuacións en distintos puntos da rede viaria autonómica.

Entre as intervencións previstas inclúense a renovación de firmes, a corrección de trazados en curvas, o redeseño de interseccións e outras actuacións destinadas a adaptar as estradas ás actuais necesidades do tráfico.

A estas obras sumarase tamén un plan de mellora da sinalización horizontal, renovando as marcas viarias pintadas nas estradas dependentes da Xunta para reforzar a seguridade dos condutores.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a importancia de combinar a construción de novas infraestruturas coa conservación das xa existentes. «Facer estradas novas está moi ben, pero manter e conservar as que xa existen tamén é igual de importante», sinalou nun vídeo difundido a través das súas redes sociais.

Rueda insistiu en que a conservación da rede viaria autonómica constitúe «unha das prioridades» do Goberno galego e apelou tamén ao resto de administracións para que manteñan o mesmo compromiso co mantemento das vías da súa competencia, co obxectivo de garantir unhas comunicacións máis seguras e en mellores condicións para a cidadanía.

A Xunta destina case 54 millóns de euros á mellora de máis de 400 quilómetros de...