A Xunta activa un dispositivo por aire e terra para alimentar a fauna afectada polos incendios
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, asegurou este venres que «a prioridade da Xunta é estar preto da cidadanía e garantir un apoio rápido, áxil e eficaz» ás persoas damnificadas polos incendios. González visitou a oficina habilitada en Verín, un dos 11 puntos de atención dispoñibles en Ourense durante un mes, nos que os técnicos asesoran sobre as axudas abertas, resolven dúbidas e facilitan información ás persoas prexudicadas.
O responsable autonómico recordou que «o Goberno galego vén de aprobar un completo paquete de medidas para impulsar a reconstrución das zonas afectadas pola vaga de incendios», que inclúen a recuperación de vivendas, explotacións agrogandeiras, negocios, comercios e instalacións municipais. Subliñou que «estas liñas de apoio non teñen límite orzamentario, co fin de garantir que todas as persoas afectadas que cumpran os requisitos poidan acceder ás axudas coa máxima celeridade».
No caso de establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís, González puxo en valor «a liña específica do Igape, que cobre ata o 100 % dos danos en edificacións, maquinaria, mercadorías ou vehículos comerciais e industriais, con axudas que poden chegar aos 600.000 euros e mesmo ampliarse ata 1,5 millóns de euros nos casos nos que estea en risco o mantemento do emprego».
Engadiu que «a Xunta continúa traballando en coordinación co tecido autónomo para deseñar novas liñas de axuda adaptadas á realidade de quen viu afectada a súa actividade polos incendios» e lembrou iniciativas como o «Escaparate Apoia o teu autónomo», para visibilizar produtos e servizos ofrecidos por profesionais afectados polos lumes.
Pola súa parte, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, informou en Beade das actuacións previstas para alimentar a fauna silvestre nas áreas queimadas. «O obxectivo é garantir unha fonte alimenticia de cara ao outono para as poboacións de herbívoros e aves», explicou.
Vázquez detallou que se repartirá un total de 34.000 quilos de palla e cereais, mediante un dispositivo por aire e terra. «Distribuiranse 24.000 quilos de palla en pacas, que incluirán pedras de sal, a través de medios aéreos, e outros 7.000 quilos de palla e 3.000 de distintos cereais poranse manualmente en pacas máis pequenas», apuntou. Engadiu que estas primeiras actuacións chegarán a concellos como Beade, Carballeda de Valdeorras, Chandrexa de Queixa, A Mezquita, Oímbra, Avión, Maceda e Vilardevós, e poderán ampliarse se é necesario.