A Xunta convoca o concurso escolar das Letras Galegas 2026 dedicado a Begoña Caamaño
A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo de inscrición para que os centros educativos participen no concurso escolar das Letras Galegas 2026, unha iniciativa conxunta da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e da de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
O certame está dirixido ao alumnado de centros públicos non universitarios e ten como obxectivo a elaboración dunha exposición arredor da figura de Begoña Caamaño, escritora e xornalista que será a homenaxeada no próximo Día das Letras Galegas. As mostras deberán profundar tanto na súa obra como no contexto histórico, cultural e sociolingüístico no que desenvolveu a súa traxectoria.
Segundo informa a Xunta, a convocatoria pretende fomentar unha visión interdisciplinaria que permita analizar a biografía de Caamaño e, ao tempo, promover a reflexión sobre o valor das contribucións individuais e colectivas á dignificación e normalización da lingua galega. Ademais, a iniciativa busca favorecer a colaboración entre departamentos, implicar de maneira activa ao profesorado e alumnado e enriquecer os materiais didácticos dispoñibles en galego.
O concurso establécese en dúas categorías: unha para educación infantil e primaria e outra que abrangue secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial. Cada categoría contará cun premio económico de 2.000 euros.
O prazo para presentar os traballos remata o 23 de xaneiro de 2026, e as bases completas poden consultarse no Portal da Lingua.