Xoves de Comadres: festa e identidade no arranque do Entroido

Unha noite onde as mulleres toman o protagonismo absoluto, reivindicando a súa amizade e complicidade. As mulleres mandan na rúa

O Xoves de Comadres ou Xoves de Lardeira é unha das datas máis sinaladas do Entroido, que non se vive igual en Valdeorras que nas zonas altas das Terras de Viana ou as de Terras de Trives. Un día no que a tradición, a festa e o simbolismo se mesturan para manter viva unha celebración que se transmite.

Como marca a costume, a Lardeira xa pendura ao carón do Lardeiro nos puntos máis visibles de cada vila. En Viana do Bolo, en Vilariño de Conso, á entrada da Veiga, no balcón do Concello do Barco ou no cruceiro de Vilamartín, estas figuras observan desde as alturas a troula que se aveciña, anunciando que o Entroido colle forza nas rúas.

O Xoves de Comadres é, por riba de todo, xoves de mulleres. O ciclo do Entroido comeza coa colocación do Lardeiro, ou Meco, nove días antes do Domingo Gordo. Son as mulleres as encargadas de confeccionar esta figura de palla, vestida coas roupas dos homes do pobo, que tentan recuperalas dando lugar ás tradicionais “batallas”, nas que antigamente a fariña era a protagonista.

Coa chegada do Xoves de Comadres, os papeis invírtense. Son os homes quen confeccionan a figura feminina, empregando a roupa das mozas. Unha tradición historicamente reservada a solteiros e solteiras, aínda que coa participación dos máis pequenos, garantindo así a continuidade da celebración.

Manter vivas estas tradicións non sempre foi doado. Veciñas de Sobrado, na parroquia da Pobra de Trives, lembran como, cando eran nenas, conseguir roupa para vestir o Lardeiro podía converterse nun auténtico reto. Algunhas familias chegaban a pechar as casas con cadeado para evitalo, sen éxito. As mozas, determinadas, acababan logrando o seu obxectivo, mesmo rebentando portas se facía falta, sempre entre risas e complicidade.

O Xoves de Comadres tamén é sinónimo de doces tradicionais. Torroxas, flores, filloas e orellas forman parte indispensable da celebración. En moitas casas, estas receitas pasaron de avoas a nais e de nais a fillas, mantendo viva unha tradición culinaria que acompaña á festa. Aínda que algúns destes doces teñen a súa orixe noutras zonas de Galicia, hoxe forman parte inseparable do Entroido valdeorrés.

Co paso do tempo, a celebración evolucionou. Na actualidade, son habituais as ceas de Comadres, nas que mulleres de todas as idades saen disfrazadas para compartir mesa e festa. En Viana do Bolo, a participación é masiva, mentres que na Rúa a tradición mantense viva grazas a colectivos como a Peña Imperio, que desde hai máis de trinta anos organiza estes encontros, reunindo hoxe a moitas mulleres. O mesmo espírito festivo esténdese por Trives, O Barco, A Veiga ou Vilariño de Conso.

Cómpre destacar tamén o labor que se realiza nos centros educativos, onde os nenos e nenas aprenden o significado do Entroido e das figuras do Lardeiro e a Lardeira, que permanecen colgadas ata o Martes de Entroido, cando se queiman como despedida do ciclo festivo antes do Mércores de Cinza.

O Xoves de Comadres segue sendo hoxe unha celebración viva, con identidade e convivencia. Unha mostra de que o Entroido non é só festa, senón tamén cultura e pertenza.