
O Servizo de Urxencias do Hospital Público de Valdeorras contará este mesmo mes de xaneiro cun novo ecógrafo portátil de última xeración, que o Servizo Galego de Saúde ven de adxudicar á empresa Grupo-3 S.L. por un importe de 24.465 euros.
Conta con tres sondas multifrecuencia de tipos convex, para estudos abdominais e torácicos, lineal de alta frecuencia, para estudos musculoesquelético, torácico, vascular e de partes brandas, incluindo a técnica FAST e e-FAST para a exploración de pacientes con traumatismo toracoabdominal. Como terceira sonda pode incorporar un transductor cardiaco, vascular ou xinecolóxico.
O estudo e-FAST ,ten por obxectivo fundamental detectar líquido libre na cavidade abdominal, e/ou líquido en pericardio, no contexto dun paciente politraumatizado, o que permite decidir se precisa cirurxía urxente, así como o exame básico do tórax para descartar neumotórax.
Entre as súas vantaxes esta técnica ecográfica é un método rápido (de 3 a 5 minutos) non invasivo, cunha gran sensibilidade, non necesita preparación previa e pódese realizar e repetir en calquera paciente sen necesidade de mobilizalo. Asemade non require medios de contraste, non ten radiación (como a radiografía de torax ou o TAC) e non ten practicamente contraindicacións, polo que se está a implantar como unha técnica de referencia en urxencias para o diagnóstico do traumatismo toraco-abdominal.
Este equipo forma parte dunha adxudicación na que o Servizo Galego de Saúde adica un investimento de mais de 360.000 euros a dotar aos servizos de urxencias doutros oito hospitais, entre eles o Hospital Público de Verín. Forma parte a súa vez dunha ambiciosa licitación tecnolóxica que supera os 600.000 euros para toda a rede Sergas, na que se renovarán equipos nos tres hospitais de Ourense.
No de Valdeorras este equipamento engadirase a un novo ecocardiógrafo, para realizar algunhas das probas cardiolóxicas que se indican aos pacientes oncolóxicos, ademais dun novo ecógrafo xinecolóxico, para a realización de estudos de mama, complementando as mamografías, ademáis doutras probas xinecolóxicas e tamén de seguemento do embarazo.
Este equipamento forma parte a súa vez dunha relevante dotación tecnolóxica do Hospital Público de Valdeorras, na liña de potenciar a sobrada capacidade resolutiva do seu persoal e autonomía, como o novo equipamento radio-cirúrxico, para uso intraoperatorio, instalado xa en quirófano. Igualmente, a Consellería de Sanidade adiantou a previsión de licitar un novo TAC, nos Orzamentos da Xunta de Galicia para 2022.
Este será o ano tamén da esperada renovación e modernización de todas as camas do hospital, licitación que se efectuará antes do remate deste mesmo ano, co obxectivo de dispoñer do novo mobiliario a comenzos do ano que está as portas.