miércoles. 17.04.2024
O Sergas oferta por concurso 3 novas prazas de médico de atención primaria para Valdeorras

O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a convocatoria para a cobertura de 106 prazas de persoal médico de Atención Primaria, delas 21 en Ourense, nun proceso selectivo que, a diferenza doutras ofertas públicas de emprego, será só pola vía de concurso, para facilitar a incorporación urxente nesta nova categoría, creada polo Servizo Galego de Saúde para dar resposta o moi grave déficit de profesionais de medicina de familia.

Esta será por tanto a primeira convocatoria desta categoría, para acceder á condición de persoal fixo, trala súa creación o pasado mes de decembro como medida extraordinaria e urxente da Xunta de Galicia tendo en conta que, co persoal que se xubilará nos próximos cinco anos e as vacantes sen cubrir actualmente, a remuda xeracional non está garantida, sendo insuficiente o persoal en formación de medicina familiar e comunitaria do próximo ano e dos catro seguintes.

Os profesionais convocados optarán a unhas prazas que incluirán algunhas das propostas recollidas, no Plan Galego de Atención Primaria, e no documento de traballo elaborado polos propios profesionais  "Por unha atención primaria vertebradora do sistema" no que se apunta á necesidade de que os profesionais atendan as consultas dos centros de saúde e dos PAC, dando continuidade a asistencia.

Este carácter extraordinario, con diferentes  xornadas,  servizo en distintas unidades e puntos de atención continuada, estará recollido tamén na retribución complementaria adicional, de carácter fixo e periódico e de vindicación mensual, correspondéndose a atención continuada coas contías das gardas do persoal facultativo.

Ourense é a provincia co maior número de Centros de Saúde e PACs de Galicia, mais dun centenar, 14 PACs e dúas Zonas Especiais de Garda e deles 70 consultorios cun único médico, ademais de contar co maior número de concellos recoñecidos con condición de illamento, 19 fronte aos 3 de Santiago ou 6 de Vigo, o que, xunto coa orografía e deficientes comunicacións dificulta a cobertura  de persoal.

Para tentar paliar estas dificultades, a prestación de servizos nestes concellos, como nos hospitais públicos do Valdeorras e Verín, ao igual que os de A Mariña, Cee e Monforte de Lemos,  contan neste concurso con puntuación adicional: 1 punto por ano de servizo ou a parte proporcional.

O Servizo de Atención Primaria de Valdeorras oferta 3 prazas vinculadas a este mesmo PAC. E no mesmo distrito unha no Centro de Saúde e PAC de Viana do Bolo. No Distrito de Verín ofértanse 3 prazas no seu Servizo de Atención Primaria con gardas neste Pac e na Zona Especial de Garda de A Gudiña-Mezquita e asistencia nos centros de saúde de Verín, Monterrei e Laza.

En Celanova ofértase unha neste centro de saúde e PAC. Unha tamén no PAC de Ribadavia con consultas nos centros de saúde de Leiro e Beade. Dous en Carballiño, atendendo Beariz e Punxín e gardas nos PAC de Ribadavia e Carballiño. Unha no PAC Bande e cobertura Bande-Lobeira. Tres con consultas no PAC de Xinzo de Limia e nos centros de Xinzo, Os Blancos, Calvos de Randín, Trasmiras, Sandiás e Vilar de Santos.  Por último unha con gardas no PAC de Castro Caldelas e consultas en Castro Caldelas-Parada do Sil.

O Sergas oferta por concurso 3 novas prazas de médico de atención primaria para Valdeorras