domingo. 15.06.2025

Roberto Quiroga continúa como responsábel comarcal do BNG

Os nacionalistas valdeorreses celebraron a XVIII Asamblea Nacional da organización para renovar o seu máximo órgano de dirección

O Bloque Nacionalista Galego de Valdeorras vén de proceder á renovación do seu máximo órgano de dirección comarcal dentro do proceso aberto pola XVIII Asemblea Nacional da organización.

Deste xeito o conxunto da militancia de Valdeorras foi convocada a unha Asemblea Comarcal na que só se presentou unha única candidatura liderada polo rués Roberto Quiroga López.

Ao seu carón, e como novo vicerresponsábel comarcal, sitúase Manuel Agra, portavoz municipal do BNG no Concello do Barco de Valdeorras. Completan a dirección comarcal Antón Rodríguez Prieto, de Vilamartín de Valdeorras, como responsábel de Organización; Maria González Albert, da Rúa, como responsábel de Finanzas e Sofía Trincado Blanco que será a nova responsábel de Igualdade.

A candidatura foi eleita por unanimidade da militancia presente na Asemblea e a esta lista de membros eleitos directamente sumaranse nos próximos días, como vogais Noa Fernández Gomez, concelleira no Barco; Javier Rocha Rivera, concelleiro no Barco; Avelino Fernández Seco, concelleiro na Rúa; e Manuel Agra Sánchez, representante de Galiza Nova.

Roberto Quiroga López pasa a ser, do mesmo xeito, membro do Consello Nacional do BNG, órgano do que xa forma parte Maria González Albert, eleita dentro da lista encabezada por Ana Pontón na Asemblea Nacional celebrada en Santiago de Compostela o pasado 1 de decembro.

O Consello Comarcal do BNG fíxase como liña de traballo principal o reforzamento da organización na comarca, ampliando a base social e militante e sitúa o seu horizonte no traballo cara a mellora da posición institucional do BNG nos concellos da Comarca de Valdeorras nas próximas eleccións municipais de 2027.

Roberto Quiroga continúa como responsábel comarcal do BNG