martes. 24.06.2025

Entidades mineiras destacan a contribución do sector ao desenvolvemento galego

RUEDA DE PRENSA CLUSTER DE LA PIZARRA EN LA CONFEDERACION DE EMPRESARIOS DE OURENSE
RUEDA DE PRENSA CLUSTER DE LA PIZARRA EN LA CONFEDERACION DE EMPRESARIOS DE OURENSE

Representantes de diversas entidades e organizacións relacionadas coa minaría compareceron hoxe nunha rolda de prensa conxunta para poñer en valor a contribución do sector ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia. Na iniciativa, celebrada na sede da Confederación de Empresarios de Ourense, participaron Juan de Dios Martín, presidente da Cámara Mineira; Víctor Cobo, máximo responsable do Clúster da Pizarra;  Mónica Rodríguez, vicepresidenta do Clúster do Granito e Alberto Novoa, vicepresidente da Asociación Galega de Áridos.

No marco da súa intevención, Juan de Dios Martín sinalou que “a minaría é unha actividad esencial para a nosaterra”. “Desde tempos inmemoriais, o noso sector ten estado ligado intimamente ao desenvolvemento de Galicia”, aseverou, “e continúa a ser un exemplo de integración social, ambiental e territorial, contribuíndo de xeito determinante á dinamización de moitos núcleos do rural galego”.

“En Galicia -continuou- temos sido quen de xerar unha industria moderna arredor dos diversos subsectores mineiros, creando riqueza en termos de PIB e articulando ao seu redor numerosos postos de traballo”. Ao respecto, citou o aproveitamento e a posta en valor das augas minerais termais galegas, algo que sería imposible sen actividade mineira.

Un sector que xera 5.000 postos de traballo directos

Na mesma liña abondou o presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Víctor Cobo, quen destacou que o conxunto dos sectores extractivos mineiros xeran en Galicia máis de 5.000 empregos directos e achegan o 1,05% do PIB. “Os nosos subsectores -engadiu- están, ademais, plenamente comprometidos coa sustentabilidade ambiental e coa igualdade no traballo”. Neste sentido, fixo fincapé en que “un 25% dos postos de traballo no sector da lousa son ocupados por mulleres”.

Naactualidade, considerou Cobo, “atopámonos nun momento crucial para o devir do noso sector, porque se está a debater no Parlamento galego a Lei de Fomento de Implantación de Iniciativas Empresariais, que prevé unha modificación da actual Lei de Ordenación da Minaría de Galicia”. “Desde o noso Clúster aplaudimos o feito de que o Goberno galego trate -a través do novo texto legal- de normalizar, dinamizar e incorporar á sociedade un contido económico esencial como é a minaría”.

Unha lei que favorece ás pemes galegas

Pola súa banda, a vicepresidenta do Clúster do Granito, Mónica Rodríguez, abondou nos pormenores do novo texto legal. Sinalou que a nova lei favorece as pequenas e medianas empresas galegas, que son as que maioritariamente desenvolven a actividade mineira na Comunidade Autónoma, xa que o 97% das empresas titulares de minaría en Galicia son pemes e o 95% teñen a súa sede social na Comunidade Autónoma.

“Cremos que a nova lei, actualmente en trámite parlamentario, afectará positivamente ás pemes galegas da minaría, promoverá novos investimentos e mellorará e axilizará os procedementos administrativos de outorgamento e concesión dos dereitos mineiros, ao tempo que garantirá a sustentabilidade ambiental e financeira da actividade”.

A lei, continou Rodríguez, “procura dun xeito efectivo e realista a reactivación do sector”, porque garante a compatibilidade ambiental e a integración territorial das explotacións mineiras nun marco de desenvolvemento sustentable.

Xornada técnica

Finalmente, o vicepresidente da Asociación Galega de Áridos, Alberto Novoa, concluíu que ao abeiro da nova Lei se xerarán máis de 800 novos empregos directos no sector en Galicia, cunha achega de máis de 156 millóns de euros ao PIB da Comunidade. “Calculamos que se pode xerar un crecemento estimado dun 23% no noso ámbito de actividade”, asegurou. Ao tempo, “permitirase desafectar do dominio público máis de 215.000 hectáreas favorecendo o desenvolvemento de novas actividades industriais”.

Xunto a isto, Lista asegurou que as catro entidades decidiron xuntar esforzos para facer oír a súa voz na defensa dun sector estratéxico para Galicia. Por iso, indicou, as accións divulgativas continuarán coa celebración dunha xornada técnica, tamén na cidade de Ourense, o vindeiro luns 16 de outubro, na que se debaterá sobre as perspectivas de presente e futuro do sector; así como coa posta en marcha dunha campaña informativa nas redes sociais, a través dos hashtag #senminerianonhainada e #mineriasi, para dar a coñecer o sector da minaría entre a sociedade galega.

Entidades mineiras destacan a contribución do sector ao desenvolvemento galego